Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irlanda

Edición xestionada por María Golpe
RSS de Irlanda
Dispárase a apostasía na católica Irlanda

CountMeOut.ie facilítalle o proceso de deserción da Igrexa Católica a 5 mil irlandeses

No mesmo ano en que se descubriu de xeito oficial e en detalle o informe de abusos cometidos por membros da igrexa católica.

María Golpe - 12:00 11/01/2010
Paul Dunbar

Paul Dunbar

O ano 2009 será recordado na República de Irlanda por ser o ano no que, tras décadas de silencio, por fin o público descubriu de maneira oficial e en detalle os abusos cometidos por parte de membros da igrexa católica en escolas e parroquias do pais.

En maio, o Informe Ryan desvelaba décadas de abusos sexuais e emocionais sufridos por nenos e nenas internados nas escolas industriais irlandesas, a mans dos relixiosos e relixiosas que rexían estas institucións. A finais de Novembro, a igrexa católica irlandesa enfrontábase a un novo informe, desta vez o Informe Murphy, no que se revelan os abusos sexuais cometidos por parte de párrocos pertencentes á diocese de Dublin; na maioría dos casos con impunidade total por parte das altas xerarquías da igrexa e da policía. (O Papa aceptou o xoves 17 de Decembro a dimisión do bispo de Limerick, Donal Murray, pola súa implicación no caso).

Desencanto coa institución
Trala publicación do Informe Ryan en maio, tres irlandeses: Paul Dunbar, Gráinne O'Sullivan e Cormac Flynn, decidiron crear unha páxina web na que facilitar o proceso de apostasía a outros membros da igrexa católica desencantados coa institución relixiosa.

Dende a sua publicacióon en xullo, preto de 5,000 persoas teñen procesado a súa apostasía a través da páxina, www.countmeout.ie (traducido algo así como ‘que non conten comigo’).

"O principal motivo foi a nosa repugnancia colectiva polo feito de estar sendo contados como membros dunha institución que ten abusado sistematicamente de nenos e nenas, e logo o ten encuberto" explica Paul. Segundo Paul, a resposta do público en xeral está a ser moi positiva, "95% positiva pero tamén recibimos correos de xente que nos di que somos idiotas e que estamos facendo a ‘obra do demo’, aínda que son a minoría". A páxina tamén ten atraído a atención dos medios de comunicación e Dunbar e os outros fundadores teñen sido entrevistados para a radio, a televisión e varios xornais rexionais e nacionais irlandeses.

Trala publicación dos informes Ryan e Murphy, Paul cre que é inevitable que o número de xente solicitando a ‘separación’ oficial da igrexa aumente. "Moita xente está totalmente desilusionada coa igrexa e simplemente xa non cren no que predican. Nós só queremos animar a desertar a aqueles que xa non se consideran parte da igrexa, pero cremos que quen se considere aínda católico debería intentar cambiar a institución dende dentro”

Tralo éxito de Count Me Out, Paul e os seus compañeiros contan con lanzar outra campaña, na que animarán ao público a marcar ‘sen relixión’ no próximo censo de poboación, no 2011. "Mentres que só 1000 persoas marcaban ‘sen relixión’ no censo nos anos 60, o número subiu ata 186 mil no último censo (2006). Intentaremos axudar a que o siga subindo no próximo censo" di.


Ligazóns

5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: