Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Conclúe o I Simposium Internacional Ecolingua09

Quintana pide rematar coas "mensaxes apocalípticas" ao respecto do galego

Na última mesa de debate, este sábado, participaron representantes de varias -non todas- plataformas a prol do galego, e de Galicia Bilingüe.

Redacción - 10:45 20/12/2009

O presidente do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA) e ex vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, púxose como reto que a sociedade galega "interiorice con normalidade que non é o único país con linguas en contacto", tras o que sinalou a existencia de distintas "fórmulas e solucións con venturosos resultados" en lugares como o Quebec e Luxemburgo.

Na clausura do I Simposium Internacional Ecolingua 2009, en Vigo, e logo de dous días e medio de conferencias e mesas redondas, Quintana salientou a organización deste evento "polo que poida transcender cara a fóra".

Ao respecto, resaltou a función do galego "como elemento de cohesión social" e valorou "especialmente" os debates mantidos por distintos colectivos e personalidades de dentro e fóra do país. "Non temos que ter medo a debater todo, mesmo cando temos posicións antitéticas", proclamou.

Segundo considerou, "só hai que invocar a intelixencia da xente para alcanzar a vitoria", polo que entendeu que "canto máis se escoite falar de determinados casos será moito mellor para a normalización do idioma".

"Claro que hai que facer política da lingua, o que se ten que evitar é facer da lingua partidismo electoral, e menos utilizándoa con miras curtas que rematan irremediabelmente en fracaso", apuntou.

Por todo iso, fixo un chamamento para acabar con "mensaxes apocalípticas" en relación ao idioma, nun compromiso que viu "irrenunciable" para "gañar a batalla a favor do galego".

Últimas intervencións

Na clausura tamén tomou a palabra a académica Margarita Ledo, que afirmou que "o galego é a nosa lingua propia e represéntanos como suxeito colectivo".

Antes, na xornada de debate deste sábado, participou José Luís Marco, representante de Galicia Bilingüe, que defendeu que a postura oficial desta asociación contraria ás políticas de normalización do galego "non é de rexeitamento" á nosa lingua. Neste senso, defendeu a súa "promoción", e recordou que piden que os nenos poidan estudar as materias troncais en castelán.

"Estamos a favor dun estudo de ambas linguas por igual", sinalou, en contraste cos postulados defendidos habitualmente polos máximos representantes desta organización. Neste senso, quixo aclarar que acudía ao debate simplemente como "simpatizante". Precisamente, na tarde do sábado, integrantes da entidade repartiron folletos por Vigo, así como pola Coruña, por Ourense e por Lugo.

Ao respecto desta intervención, Xabier Docampo, de Prolingua, considerou que Galicia Bilingue promove o "negacionismo" do idioma e que o seu obxectivo é "desmantelar as fibras dos avances do galego". Tamén, Henrique Costas, que asegurou que "aínda que ti (por Marco) sexas o rostro amábel" da asociación, esta "mentía".

Ademais, nesta mesa de debate, moderada por Antón Reixa, estaban presentes os representantes de varias plataformas lingüísticas: Fran Rei, de Queremos Galego; Daniel Landesa, de Cambia Galicia; e Antón Baamonde, de Galego, Patrimonio da Humanidade. Porén, non había ningún de Galego Sempre Mais ou doutras plataformas e iniciativas constituídas arredor do movemento reintegracionista.


4.5/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: