Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Liñas estratéxicas

O conselleiro de Cultura avoga por unha industria cultural sen subvencións

Roberto Varela apostou por unha cultura "máis aberta" ao mundo, aínda que recoñecendo o valor do galego como "patrimonio" de Galiza.

Redacción - 09:30 26/11/2009
Roberto Varela estivo acompañado polo director xeral Francisco López

Roberto Varela estivo acompañado polo director xeral Francisco López

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asegurou este mércores que é preciso "rematar coas subvencións ás industrias culturais" na presentación das liñas estratéxicas da consellaría na presente lexislatura. Segundo Varela, é preciso un consenso entre todas as partes para "comezar a falar, con propiedade, de industrias culturais seleccionando cun criterio de calidade, rendibilidade e excelencia artística o que se produce e edita", o que deixaría este tipo de empresas nas mans do libre mercado.

O conselleiro estabeleceu tres puntos básicos nos ámbitos de traballo de Cultura: levar o patrimonio e a cultura ao contexto educativo -"a sustentabilidade cultural e patrimonial comeza na educación"-, crear, programar e producir para o mercado galego -"o galego é o gran patrimonio cultural de Galiza"-, e buscar novos mercados no exterior -"apostando decididamente por unha cultura máis aberta".

Na presentación desas áreas de acción, Varela afirmou que o "investimento en cultura é un investimento que ofrece rendibilidade social" e situou a planificación para 2010 nun "reequilibrio territorial entre o medio rural e o urbano". A súa estratexia basearase en que a cultura "sexa imaxe de marca de Galiza no exterior e que dote calquera produto ou servizo cultural galego dun valor intanxíbel".

Para acadar unha imaxe de marca sólida, apostou por un "redeseño da estratexia xerencial e de mercado" e poñer en marcha "economías de escala e a adaptación e emprego estratéxico das novas tecnoloxías". O investimento total en difusión cultural achégase aos 17 millóns de euros en 2010.


1.56/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: