Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN EN CAIXAFORUM

O mundo islámico, propostas de diversidade para revisitar

Moitos obxectos para axudar a rachar tópicos eurocentristas. Que imaxe se xeneraliza na nosa sociedade sobre a cultura islámica?

Lito Caramés - 19:50 16/11/2009

En Caixaforum preséntanse unhas 190 pezas (algunhas delas verdadeiras obras mestras da arte universal) ben escolmadas e que pretenden render contas das diversidades que se acochan baixo ese nome-denominador común que é Islam: Els mons de l'Islam a la col·lecció del Museu Aga Khan. Os obxectos expostos viaxan por máis de 1.400 anos de historia, de arte, de literatura do mundo islámico en soportes de madeira, ouro, bronce, vidro, pedra, pergamiño, cerámica, papel, marfil e ilustran as dinastías fatimita, abbásida ou mongol e as alongadas xeografías do Islam, desde a península Ibérica e o Magreb até China. A exposición está organizada pola Caixa en colaboración con The Aga Khan Trust for Culture (AKTC, Museo Aga Khan), entidade que depende da institución filantrópica The Aga Khan Development Network (AKDN).

O obxectivo principal da mostra é presentar a gran riqueza cultural do universo do Islam e, xa que logo, mirar de desfacer tópicos sobre monolitismos político-relixiosos e sobre a ausencia de pluralidades. Todo iso negando a confrontación Oriente-Occidente ao poder comprobar as mutuas influencias e convivencias.

Lingua e fe.

A ampla mostra organízase baixo diversos epígrafes e aspectos para ir visitando as realizacións do Islam, esa civilización (seguindo os predicamentos de F. Braudel) que ten como bases principais a lingua árabe e mais a relixión proposta por Muhammad (aquí coñecido polo mal nome de Mahoma; a tolerancia non foi nin é un dos eixos definidores do cristianismo). Un dos apartados sobranceiros de Els mons de l'Islam a la co·l·lecció del Museu Aga Khan é o dedicado á fe coránica. Copiar as páxinas do libro sacro, Al Qur'?n, (Alcorán ou Corán) considérase unha actividade piadosa e arquitectos e artistas crearon magníficos exemplos da reprodución do Al Qur'?n onde a caligrafía alcanza sensibilidades moi refinadas e formas próximas á pura xeometría. As copias do Al Qur'?n que se poden ver fixéronse sobre papel ou sobre pergamiño, con variadas tintas e tamén con ouro, e nas que a escrita cúfica semella elevarse na procura da máis alta espiritualidade.

A rota dos viaxeiros.

Toda a diversidade de materiais, formas estéticas e épocas reflectida na mostra vese ben recollida no amplo apartado que fai referencia ás viaxes, comezando pola propia expansión da cultura islámica cara a todos os puntos da rosa dos ventos e seguindo pola viaxe individual que o peregrino ha facer a Makkah (A Meca) unha vez na vida. Diante dos visitantes aparecen itinerarios como “de Córdoba a Damasco”, dúas das primeiras e grandes capitais do Islam, “Exipto e Siria”, coa pegada dos mamelucos polo medio, “de Bagdad a Delhi”, a magnífica Bagdad logo se converteu en capital do Islam, inzada de refinamentos estéticos e de preocupacións científicas, e ocupada na expansión a Oriente (mormente o que hoxe é Irán).

Neste percorrido atópanse moitas representacións de figuras humanas, cousa que desmente a opinión de que no mundo islámico está prohibido reproducir formas humanas. Iso só é certo para temas relixiosos, onde non se permite representar ao seu deus, Allah. E iso tamén permite entenden mellor a afección a facer decoracións xeométricas. A xeometría e a matemática, dentro da súa abstracción, están preto da divindade.

Islam e Europa.

A exposición ten como un dos seus intereses mirar de eliminar os tópicos que sobre a civilización islámica se seguen mantendo en Europa e no mundo occidental en xeral. Se se fixese unha enquisa a europeas e europeos (cousa que propoño desde aquí e agora mesmo) e se lles pedise que describisen a primeira imaxe que se lles aparece nos miolos cando senten a palabra “Islam”, con seguridade esa imaxe sería (na maioría dos casos, e con pequenas variacións) un anaco de deserto atravesado por un grupo de xinetes armados. Detrás desa máis que tópica e errada imaxe do Islam están prexuízos tan fortes como a asimilación que os países capitalistas fan (mellor, queren que as xentes fagamos) de que o Islam é unha cultura pobre e violenta. Nos manuais das nosas escolas actualmente (convido a mirar as páxinas dalgún) aliméntanse tales tópicos e mestúranse como sinónimos e con total impunidade as verbas “Islam” e “islamismo”. Fagan a proba.

Hai uns anos a editorial Icària publicou un libro moi interesante, El Islam en las aulas, que viña sendo o resumo dun traballo que os autores do libro fixeran analizando 250 manuais escolares de curso legal en España. As conclusións son realmente penosas, nelas compróbase que a inexactitude e os prexuízos eurocentristas fomentan esas imaxes estereotipadas que nos habitan os miolos.

Por se se quere coñecer realmente a importancia do Islam nas nosas terras, cómpre visitar a obra do grande arabista Juan Vernet. Entre outros pódese consultar a súa obra Lo que Europa debe al Islam de España, editada por El Acantilado. Nela repásanse as achegas do Islam ás ciencias e tamén á arte e á literatura, entre moitas outras cousas.

Unha exposición totalmente recomendable. Moito máis se o que se quere é mirar as cousas sen ópticas cheas de prexuízos e tópicos alimentados en boa parte pola igrexa católica e polo cristianismo en xeral.

EXPOSICIÓN: Els mons de l'Islam a la col·lecció del Museu Aga Khan.

CAIXAFORUM (Montjuïc)

Horario: todos os días, de 10 a 20 horas.

Entrada de balde.

Visitas guiadas de balde: luns, venres e sábados, ás 19 h., mércores ás 18 h.

Até o día 17 de xaneiro de 2010.


3.57/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



"Folla do Corán" en cúfico dourado (detalle). Iran, s. IX-X, pergamiño.
"Folla do Corán" en cúfico dourado (detalle). Iran, s. IX-X, pergamiño.
"Firdawsi e os tres poetas da corte de Ghazna" (detalle). Irán, s. XVI, papel.
"Firdawsi e os tres poetas da corte de Ghazna" (detalle). Irán, s. XVI, papel.
Páxina do "Corán azul" (detalle). Norte de África, s. X, pergamiño.
Páxina do "Corán azul" (detalle). Norte de África, s. X, pergamiño.
Capitel. Al-Andalus, s. X, mármore.
Capitel. Al-Andalus, s. X, mármore.
"Ragaputra Kausa": música para despois da media noite (detalle). India, s. XVIII, acuarela.
"Ragaputra Kausa": música para despois da media noite (detalle). India, s. XVIII, acuarela.
Prato con tulipáns e caraveis. Turquía, s. XVI, louza pintada.
Prato con tulipáns e caraveis. Turquía, s. XVI, louza pintada.