Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pregunta a Federación Ecoloxista Galega

Que medo ten a Xunta a adecuar o Plan Eólico aos tempos actuais?

A FEG rexeita o marco legal para o sector deseñado polo Goberno, reprocha as "nulas" garantías ambientais e denuncia o "desprezo" á Rede Natura.

Redacción - 12:15 09/11/2009
Tags: eólico FEG

"Con toda probabilidade a avaliación estratéxica axustaría a potencia eólica á capacidade real que Galiza pode aturar". Aí estaría a clave, consideran desde a Federación Ecoloxista Galega (FEG), do "medo" da Xunta a axustar a planificación eólica ao marco lexislativo europeo e o contexto concreto en Galiza. Para a FEG é "unha burla" que o reparto eólico de 2300 MW se estea vendendo como "algo novo e óptimo".

"Na realidade están a aproveitar os rasquizos legais que permite o desfasado plano de 1997", denuncian. Un "erro" do que acusan tamén ao bipartito, insistindo en que Galiza necesitaba dun no plan sectorial eólico "que permitise desterrar os máis escuros intereses de adxudicación que agocha a planificación eólica concibida en plena voráxine do PPdeG ao fronte da Xunta". Para os ecoloxistas quedaría claro que o executivo evita responder aos requirimentos da directiva 2001/42/CE, trasposta na Lei 9/2006, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente". Isto é así pola inexistencia de carácter retroactivo no devandito marco legal, polo que para escapar ás novas normas a Xunta aposta por ampararse no plan aprobado hai máis dunha década.

A FEG critica que a nova proposta da Xunta é "pésima" e cualifica de "paradoxal" que "con toda a inseguridade xurídica suscitada", se pretenda orquestrar un reparto de tal potencia "partindo duns mínimos condicionantes ambientais". Entre outros, recordan que se rebaixa e anula o proceso de avaliación de impacto ambiental, que se simplifica a tramitación por medio das licenzas municipais, "cando seis de cada dez concellos en Galiza carecen de Plano de Ordenación Urbanística (que, tamén debe estar sometido a Avaliación Estratéxica Ambiental)", advirten de que se incumpre a lei de 2007 sobre Patrimonio Natural e da Biodiversidade, o Decreto de 2007 que regula o Catálogo galego de especies ameazadas e a Lei de 2008 de protección da paisaxe de Galicia. E por último, subliñan o "desprezo da Rede Natura 2000" que amosa esta actuación e insisten na necesidade urxente de Planos de Conservación e da propia ampliación en Galiza desta Rede, equiparando a Galiza con outros territorios do Estado.


4.82/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: