Carlos Vázquez Padín. Naceu en Tui no ano 1973. Estudou na Universidade de Santiago, onde se licenciou en Ciencias Políticas. Traballador autónomo. É o Secretario Xeral de Converxencia XXI.
Na pasada Romaxe de Aguiño estivo Carlos Vázquez Padín, o secretario xeral de Converxencia XXI (CXXI), un partido que se autodefine coma galeguista, demócrata, liberal, con sensibilidade social e aconfesional. Xan Guillén aproveitou para preguntarlle por esta nova organización que pretende ver a luz.
Antes de entrar en “fariña”. Esta era a túa primeira Romaxe. Que che pareceu?
Foi unha extraordinaria descuberta para min, impactoume positivamente a autenticidade da vosa fe algo oposto á pose social coa que eu identifico unha parte significativa da relixiosidade na nosa sociedade actual.
Por que cres que é necesaria Converxencia?
CXXI é necesaria porque a democracia para dar todo o seu potencial precisa dunha forza de centro democrático como a nosa, unha forza que só se sente cómoda nunha democracia e que asume como un deber o reforzamento e profundización da democracia e da liberdade. Un non sabe se os do PP están máis cómodos nunha democracia ou poderían estalo nunha ditadura como a que se padeceu aquí e eles nunca condenan, o mesmo podemos dicir de PSOE e BNG incapaces de criticar ás ditaduras de esquerda como Cuba e China ou derivas populistas preditatoriais como a de Chávez en Venezuela. A democracia e a liberdade son conquistas extraordinarias pero fráxiles e hoxe ningunha das tres forzas presentes no noso Parlamento son xenuínas defensoras única e exclusivamente do modelo democrático de gobernación. A falta desa forza central democrática e equilibradora provoca situacións como a que estamos a vivir agora onde unha forza extremista e radical como o PP quere cambiar todo o que de novidade acaba de implementar desde a Xunta outra forza extremista como o BNG, e iso é un problema para calquera país.
Cal é o obxectivo político de Converxencia?
O noso obxectivo é moi ambicioso, consiste en convencer á maioría da cidadanía galega de que un “futuro galego” para Galicia permitiría ir cara unha país máis rico no material e no espiritual, queremos facer realidade un proxecto colectivo no que os individuos encontrarán o mellor caldo de cultivo para as súas potencialidades individuais. A alternativa de debilitar cada vez máis a nosa identidade suporía imposibilitar para sempre a existencia dunha Galicia con autoestima e que se faga respectar e polo tanto estaríamos imposibilitando unha Galicia mellor. A diferenza do PP e do PSOE nós non cremos que se poida construír o futuro sobre a destrución da nosa identidade e da nosa tradición. Cremos que pola contra que hai que partir da identidade e da tradición modernizándoa, creando un camiño de modernidade galego, algo que só propón CXXI. O modelo xaponés suscita para min esa reflexión: Xapón encontra o seu propio camiño cara a modernidade en base ao mellor da súa tradición e ao mellor das achegas foráneas, que merecen ser tidas en conta e sometidas a unha peneira. Poría un exemplo: CXXI cre que Galicia ten que potenciar a capacidade emprendedora da súa xente e superar unha cultura excesivamente influída polos subsidios. Non hai dúbida que podemos aprender dalgúns países neste terreo, é algo que polo tanto podemos e debemos absorber do exterior. Un exemplo en negativo sería o das touradas, unha tradición atrasada e salvaxe e que non nós é propia, e que polo tanto non parece aconsellable adoptar, debemos escoller, desde a autoestima crítica, que influencias ou ideas de fóra convén adoptar ou van pasar esa peneira. Naturalmente esa peneira ten que ser democraticamente definida: o PP propón en vez dunha peneira a utilización dun funil, o lado estreito é para o propio e o lado ancho é para o do resto de España, a adopción acrítica de todo o que procede de Castela no lingüístico e Andalucía no folclórico e o rexeitamento mais ou menos disimulado do propio é para o PP e o PSOE a forma de achegarse ao seu ideal; unha España uniformizada no bo e no malo.
A quen se dirixe este novo partido?
A todos os demócratas galegos pero máis concretamente a ese máis de 70% da poboación que se autoempraza ideoloxicamente no centro-dereita, centro e centro-esquerda e que se considera ou igual de galego que de español, ou máis galego que español ou unicamente galego. O noso emprazamento ideolóxico é o da maioría da sociedade galega, agora queda a inxente tarefa de darlle unha concreción organizativa para que esa maioría central goberne este país.
Non sería mellor que houbera unha unidade do nacionalismo galego?
Calquera país que aspire a alcanzar unha normalidade democrática ten que se dotar de forzas políticas que cubran todo o espectro ideolóxico e ademais a pluralidade de organizacións galegas permitiría que puideran competir en mellores condicións coas forzas estatais e captar en conxunto máis apoio. Imaxinemos que os momentos álxidos de Coalición Galega (1985) e do BNG (1997) coincidisen, aínda que pode existir un certo lapelamento as forzas galegas terían alcanzado entorno ao 40% do voto, algo imposible para o BNG en solitario.
O liberalismo non ten boa prensa. Por que vos definides coma liberais?
En primeiro lugar compre aclarar que CXXI aspira a ser a Casa Grande do Galeguismo e que iso inclúe á democracia liberal pero tamén ao socialcristianismo, á democraciacristiá, ao socialliberalismo, ao reformismo, á socialdemocracia menos intervencionista, ao centro dereita, ao centro e ao centro esquerda, o que sucede é que como nós cremos que Galicia é unha célula de universalidade que merece relacionarse como tal en España, Europa e en todo o mundo nós proxectamos podernos integrar na grande familia do centro europeo que é o Partido Demócrata Liberal Europeo, que conta co terceiro grupo parlamentario en importancia no Parlamento Europeo.
Con respecto ao liberalismo a extrema esquerda usa con moita frecuencia o termo neoliberalismo que para eles é a quintaesencia do mal, e baixo ese termo inclúen a persoas que nin CXXI nin a familia demócrata liberal europea consideramos nin demócratas nin liberais como Bush e Aznar. A democracia liberal europea é a familia política do centro europeo onde están os Libdem británicos, a FDP alemá, a CDC catalá. Ningún destes partidos defende que ninguén morra se non ten seguro médico, a eliminación das pensións ou que non estude quen non pode pagalo nin nada polo estilo que é o que os opinadores da extrema esquerda identifican coa palabra neoliberalismo. O centro europeo defende unha sanidade e unha educación universais de provisión pública e privada, concibe unha educación de calidade accesible a todos como o grande mecanismo que debe garantir a igualdade de oportunidades, que non de resultados. Á democracia liberal non lle molesta que haxa ricos, moléstalle que haxa pobres e acredita que o intervencionismo exacerbado é xerador de pobreza, de ineficiencia e de corrupción. O centro europeo defende unha redución da presión fiscal e un papel subsidiario da administración pública, cre na sociedade civil e na iniciativa privada como xeradores de riqueza e dunha sociedade mellor, tamén está a favor do libre comercio mundial como único camiño para que os países pobres saian desa pobreza, arrepíame a hipocresía da esquerda galega e española, din querer que os países pobres progresen pero en vez de deixalos comerciar en pé de igualdade preferiren darlles esmolas.
Isto trasladado a Galicia implicaría a eliminación das deputacións e a concentración masiva de concellos ata deixalos en menos da metade dos actuais, conseguindo unha administración moitísimo máis eficiente, con máis capacidade de prestar servizos e máis barata para os contribuíntes, implicaría tamén un esforzo na creación dunha mentalidade emprendedora e a desaparición da cultura da subvención, ter un aeroporto internacional e non tres aeroportiños para ir a Madrid, entre outras cousas. O PP, que no imaxinario dalgúns representa esa ideoloxía neoliberal da que falan é un partido intervencionista e conservador e que manipula, co permiso de PSOE e BNG, a palabra liberdade día si e día tamén. O Ourense do Partido Popular é un dos mellores exemplos en Europa occidental dunha sociedade pechada e restritiva da liberdade onde hai que ser do PP para ter traballo xa que a administración pública controlada por ese partido afoga todas as posibilidades de desenvolvemento da sociedade civil e usa o diñeiro público que todos pagamos cos nosos impostos para manter un control antidemocrático da sociedade aínda a costa de impedir o seu desenvolvemento.
Que che parecen as apelacións á liberdade en relación ao conflito lingüístico por parte do PP ou de Galicia Bilingüe?
No asunto da lingua o PP e amplos sectores do PSOE como Touriño, e os da Coruña ou Vigo, confunden, non sei se por ignorancia ou por mala fe, a liberdade co dereito á ignorancia, o PP defende o dereito a non saber galego, por tanto o dereito á ignorancia, a liberdade en cuestión lingüística ten dúas partes, a liberdade do saber, quen defenda a liberdade ten que defender que toda a cidadanía coñeza as dúas linguas oficiais máis o inglés, só sabendo se pode escoller tamén en liberdade porque por exemplo Rajoy como non sabe galego nin inglés non pode escoller falalos e ese “modelo da ignorancia”, e non da liberdade é o que defenden. Polo tanto a liberdade neste terreo consiste no saber e no uso normal dunha lingua, algo que tampouco se dá hoxe en día na sociedade galega para os que somos galegofalantes. Ao PP, non lle preocupan en absoluto nin as nosas liberdades individuais nin as colectivas e o que si lle interesa é continuar a afondar na única imposición lingüística que obxectivamente se produciu na historia de Galicia desde a do latín: a do castelán.
Cales son os vosos obxectivos a curto prazo?
Centrarnos no crecemento e fortalecemento organizativo, Converxencia é unha ferramenta ao servizo deste país e neste momento o obxectivo a curto prazo é a posta a punto e fortalecemento desta ferramenta, o que tamén inclúe a creación dunha cultura organizacional nova que nos de cohesión organizativa e permita a noso crecemento primeiro e a nosa perdurabilidade no tempo despois. No ano 2010 celebraremos o primeiro congreso e no 2011 someterémonos ao veredicto democrático por primeira vez nas eleccións municipais.