Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
PLENO MUNICIPAL

PSdeG e BNG rexeitan a proposta 'popular' de pedir á Xunta a legalización da dobre toponimia para A Coruña

Socialistas e nacionalistas acusaron a Carlos Negreira de intentar "sacar tallada política". O líder conservador cre que é unha oportunidade histórica.

Redacción - 12:39 26/10/2009

Como estaba previsto, o pleno extraordinario celebrado este luns na Coruña a iniciativa do PPdeG rematou como comezou: sen un acordo sobre a denominación da cidade. Os edís do PSdeG e do BNG (que integran o goberno bipartito da cidade) rexeitaron a petición popular de instar á Xunta a que poña en marcha os mecanismos lexislativos necesarios para aprobar a cooficialidade do topónimo da cidade, é dicir, que sexan igualmente oficiais e válidos A Coruña e "La Coruña".

Para o PP, sentido común
O portavoz do grupo popular no concello coruñés, Carlos Negreira, apelou ao "sentido común" e asegurou que foi un "erro histórico" a aprobación do topónimo galego na Lei de Normalización Lingüística. Con todo, a moción, que non prosperou, asentaría un importante precedente, xa que comportaría a necesaria mudanza da Lei de Normalización aprobada por todos os grupos da Cámara en 1983. A iniciativa pasaría a ser debatida no Parlamento (onde o PPdeG conta con maioría) e o presidente da Xunta, Núñez Feijoo, xa se amosou favorábel a acadar o "bilingüismo na toponimia", asegurando que "as leis están para cambialas".

Para o goberno municipal, procura de tallada política
Mentres, o portavoz do BNG, Henrique Tello, atribuíu esta defensa popular da dobre toponimia nun intento de "sacar tallada política". O nacionalista asegurou que este debate é "un contrasentido" e lembrou que a cidade ten outros problemas ao tempo que acusou a Negreira de empregar as técnicas da provocación para beneficiarse politicamente.

Pola súa parte, o alcalde socialista, Xabier Losada, insistiu en que o cambio do topónimo da cidade "está nas mans da Xunta e do Parlamento, non do concello". A petición súa, deuse lectura a un informe da asesoría xurídica sobre as competencias municipais nesta materia. Ademais, argumentou que "os coruñeses non merecen pasar por unha segunda humillación", en referencia aos fallos xudiciais contra os recursos do concello en defensa da cooficialidade. Losada insistiu en que é o PP quen "ten que dar explicacións por continuar a facer da lingua un elemento de confrontación".


5/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: