Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Daoud Hari

"Se a Unión Europea quixese, podería solucionar o conflito de Darfur en seis días"

Traballou como intérprete e guía en Darfur ata que foi preso polo goberno sudanés. Este martes fala en Santiago da súa experiencia.

Moisés Álvarez - 10:30 20/10/2009
Daoud Hari

Daoud Hari

Daoud Hari é un sudanés da etnia dos zaghawa. Vivía en Darfur cando en 2003 se iniciou un conflito que xa se levou por diante a vida de centos de miles de persoas. Foi daquela cando se converteu en intérprete e guía de xornalistas e ONGs na zona, ata que en 2006 foi apresado polo goberno sudanés xunto co xornalista Paul Salopek, gañador dun Pulitzer, e o condutor Abdulraham Anu. Logo de sufrir torturas e vexacións, foi liberado grazas á presión internacional, e refuxiouse nos Estados Unidos.

Aló vive desde entón, tratando de dar eco no mundo á situación que se vive no seu país. O ano pasado publicou o libro The Translator: A Tribesman's Memoir of Darfur, e este martes está en Compostela invitado pola Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación. Ás oito da tarde ofrece no CGAC a conferencia “Ser intérprete en Darfur”.

Que está a ocorrer en Darfur?
Desde o 2003 vívese unha situación de xenocidio. Nada cambiou: se coñecen a situación de hai seis anos segue a ser a mesma no 2009. Prodúcense asasinatos, queimas, violacións... creo que é o problema humanitario meirande que hai hoxe en día no planeta.

Como acabou vostede colaborando cos xornalistas e as ONGs na zona?
Necesitaban axuda para guialos e alguén que traducise para eles, e deron comigo. Son só un dos centos de tradutores das distintas tribos. Fíxenme amigo de moitos xornalistas, estou familiarizado con internet, e quizais por iso acabei desempeñando este papel.

Hai unha presión especial sobre os intérpretes pola súa capacidade de conectar á poboación de Darfur cos xornalistas e as ONGs?
Cando tes unha televisión europea ou dos Estados Unidos que quere coñecer a zona recibes presións para traballar con eles. E cando vas cos xornalistas por Darfur podes atopar distintas faccións rebeldes, os yanyauid [milicias formadas por árabes nómades, responsables de numerosos crimes en Darfur], as tropas do goberno, os avións, os helicópteros... Tes que ser realmente intelixente para que non te maten ou te capturen, a ti ou aos xornalistas. Como se pode facer isto? Hai que ser neutral. Tes que levarte ben cos xornalistas, cos rebeldes, mesmo cos membros do goberno e os yanyaouid. É necesario para poder axudar, protexerte a ti, protexer aos xornalistas e que coñezan a historia de verdade. Pero estar a salvo é só unha cuestión de tempo. Teño moitos amigos aos que mataron ou capturaron.

Nas análises mediáticas, moitos conflitos tratan de reducirse a problemas étnicos ou relixiosos. Son esas as claves en Darfur ou hai algo máis detrás?
Créano ou non, o de Darfur non é un conflito étnico, senón unha cuestión de recursos e poder. Todos somos musulmáns, africanos ou árabes, vivimos xuntos desde hai douscentos e nunca antes tivemos ningún problema. Algúns medios de comunicación e o goberno sudanés queren vendelo como un conflito étnico. Ocorre sobre todo cos medios de Oriente Próximo, porque son amigos do réxime, e tentan convencer disto á comunidade internacional. Algúns queren comparalo con Iraq ou Palestina. Eu como darfuriano non podo falar destes lugares, só podo dicir o que está a pasar en Darfur, onde morreron 400 mil persoas en seis anos, onde se destruíron seis mil aldeas, onde hai cinco millóns de persoas que viven como refuxiados. É un problema de recursos, de quen controla a terra, e quen toma as decisións sobre esta terra. Trátase dunha cuestión de poder, de reparto destes recursos entre China e Sudán.

Que cre que leva a xente que conviviu durante anos a cometer atrocidades?
É unha cuestión política. Non culpo aos yanyaouid e si ao goberno. Tampouco culpo aos rebeldes, porque se nun país unha rexión é ignorada polos seus líderes quizais estes se poidan levantar contra o goberno, pero o goberno non ten dereito a asasinar á súa xente. Os yanyauid eran persoas sen educación que vivían nesta rexión ignorada por Kartum desde hai cen anos. Tampouco eles coñecen a verdade. Chega alguén e di “vós, árabes, tedes estas armas para defendervos dos africanos”. Pensan que isto lles pode dar seguridade, que lles van dar unha terra se atacan aos civís, pero ao final as familias dos yanyauid tampouco están a salvo, porque outras tribos africanas as atacan. A fin de contas tamén eles son darfurianos que se ven afectados polo conflito. O goberno intenta dividirnos.

Cre que nun futuro se poden retomar os anos de convivencia pacífica?
Por suposto. Ninguén pode ser inimigo para sempre. Os darfurianos comparten sangue, e africanos e árabes téñense casado entre eles. Véxoo a curto prazo: se este goberno sae do poder e mañá se consegue a paz, mañá xa se vai poder convivir, porque as tribos queren volver á súa vida normal. O único que non o quere é o réxime de Sudán.

Tal como o explica, parece que a presión diplomática podería ser moi efectiva para resolver o conflito, porque non é un problema enquistado na poboación senón nas instancias de poder. Sorpréndelle pois que a Unión Europea non dea a Darfur a importancia que debera?
Creo que a solución ten que ser diplomática, pero á Unión Europea non lle importa, non emprega nin o cinco por cento do seu tempo para sentarse a solucionar este problema. Se quixesen poderían facelo. No sur de Sudán estivemos 25 anos en guerra, e a Unión Europea e os Estados Unidos resolvérono xuntos en só 15 días. Así que se a Unión Europea quixese podería solucionar o conflito de Darfur en seis días. Teño a esperanza de que fagan presión diplomática sobre o goberno de Sudán para resolvelo.

E que podemos facer os galegos para contribuír?
Deben saber o que está a pasar para despois buscar a maneira de axudar. Nos Estados Unidos, por exemplo, invítanme a dar conferencias, levan refuxiados para que falen da situación... Logo están as ONGs que traballan no terreo, e que se non reciben axuda non poden continuar co seu labor. Creo que é moi fácil informarse: en internet pódese buscar como contribuír economicamente e que campañas hai para pedirlle ao Goberno que intente intervir. Creo que son boas maneiras de que os galegos axuden a mellorar a situación.


5/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: