Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
O SECRETARIO XERAL DE MIGRACIÓN SANTIAGO CAMBA

Ofrecen a tarxeta sanitaria do SERGAS para todos os galegos en Venezuela

Santiago Camba, secretario xeral de Emigración da Xunta de Galiza, visitou Venezuela durante cinco días, país no que mantivo varias xuntanzas con diversos organismos e compartiu coa comunidade galega residente no Estado caribeño nas cidades de Maracay (Aragua), Valencia (Carabobo), El Tigre e Puerto La Cruz (Anzoátegui) e a capital Caracas.

Xurxo Martínez Crespo - 15:16 19/10/2009

Tras manter un encontro coas asociacións galegas con sede en Caracas, o domingo 11 de outubro, Santiago Camba anunciou que un novo sistema sanitario está en estudo, esperando que estea en activo antes de rematar o ano.  Trátase da tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas). “É un compromiso do noso presidente, Alberto Núñez Feijoo, que manifestoume que sen estar aprobado este sistema non quere visitar Latinoamérica. El espera visitar a rexión a principios do próximo mes de decembro, esperemos que a tarxeta estea aprobada para finais de outubro do presente ano”, asegurou Santiago Camba aos galegos de Venezuela.

A tarxeta consiste en achegar a todos os galegos, fillos ou netos con cidadanía española, unha tarxeta sanitaria. Con esta tarxeta ao viaxar ao Estado español “terán as mesmas prestacións sanitarias que calquera galego que viva en Galiza”. O uso desta tarxeta sanitaria, na Galiza e para aqueles que teñen os cartos para viaxar, é unha promesa cumprida e incumprida infinidade de veces, de feito, na presidencia de Delmiro Pérez, 1999-2001, na Irmandade Galega de Venezuela asinouse un acordo de tarxeta sanitaria co Goberno de Fraga para a atención dos galegos (socios da Irmandade) en viaxe de vacacións e por tempo limitado na Galiza. Da mesma época é o envío de medicamentos desde Galiza a Venezuela para a atención dos maiores, que resultou un fracaso debido á composición dos medicamentos cuxa fórmula era diferente á que empregaban as casas matrices para o mesmo produto en Venezuela. 

Camba explicou tamén que “vai a ser un reflexo para que autonomías con peso importante de residentes no exterior observen o esforzo que se está facendo polos nosos paisanos e eles fagan algo semellante, facer un esforzo en común”. Agregou que “a directora xeral da Cidadanía Española no Exterior –Pilar Pin Vega– prometeu unha tarxeta sanitaria común para todos os españois residentes no exterior, oxalá poída cumprir con iso”, indicou o representante do goberno do PP e responsábel de Migración na Xunta.

O secretario xeral de Emigración comentou que a Xunta precisa estar en comunicación con todos os galegos. “Queremos escoitaros de viva voz e sobre todo e expór os programas que temos na administración autonómica, até onde podemos chegar, cales son as nosas pretensións, nese sentido estivemos falando especificamente acerca dos temas sanitarios, sobre mocidade, sobre a muller, dos centros españois e galegos, no sentido de ir recuperando os centros como ferramentas importantes para a comunidade no exterior e tentar chegar a aquelas persoas que nestes momentos é difícil chegar”.

Á xuntanza con Santiago Camba asistiron representantes da Irmandade Galega de Venezuela, Asociación Galega da Saúde, ABP da Coruña, Agrupación Galaica, ONG Asociación Provincia de Pontevedra, Fillos da Provincia de Lugo, Xuntanza Fillos de Ourense, Fundaourense, CBS Fillos da Estrada, e Fillos de Lalín.

Anteriormente, o secretario xeral visitara o oriente do país, concretamente o Centro Gallego de Puerto La Cruz.

Sorprendeume ver ese Centro Gallego que vira fai 16 anos, nese momento vin o auxe, o crecemento e o esforzo con que traballan aquelas persoas. Vendo esta equipa non nos queda máis que pensar que como administración temos que facer un gran esforzo e acompañarvos”.

Santiago Camba falou da  Fundación Galicia Emigración (FGE) que fundara o anterior goberno do PP na Galiza. Comentou que se realizan esforzos para que volte ás súas orixes unha fundación que quedou relegada a segundo plano e decaeu bastante. “Esta fundación forma parte do Goberno galego, pero tamén conta con achegues da empresa privada e neste momento as empresas non están na mellor situación. Creo que van a seguir colaborando e imos a pedirlles un esforzo. Sobre todo quero que a Fundación volte ás súas orixes”, dixo Camba.

Así mesmo, explicou que o sistema de Radio e TV Galiza para os centros galegos é “un tema a estudar e na medida das posibilidades intentariamos resolver estas cuestións”.

No que fai ao retorno, Camba garantiu o deseño dun conxunto de “medidas estratéxicas” destinado a aqueles que desexen “voltar, coa finalidade última de que poidan exercer os seus dereitos en igualdade de condicións e coa mesma amplitude dos galegos que residen na Comunidade Autónoma”.

Para finalizar, o secretario xeral de Emigración aclarou que cando se refería á mellora do índice ‘per cápita’, era o da asistenza “sanitaria” e non ás pensións “asistenciais”, como se indicou en diversos medios, cando se produciu a súa visita á Fundación España Salud, na que sinalou a diferenza existente entre os índices de asistencia sanitaria per cápita entre distintos países de Latinoamérica.

O salario mínimo da pensión asistencial en México é de 1.238 euros ‘per cápita’, en Brasil de 638 e en Venezuela é apenas de 359 euros (…) Ten que haber unha homologación, ten que subir o índice ‘per cápita’ en Venezuela, para que a asistenza poida ser maior e mellor”.

O venres 9 de outubro, o secretario xeral de Emigración mantivo unha xuntanza coa Xunta Directiva da Asociación Fillos de Galicia, presidida por Manuel Mouzo Silva, asociación que desenvolve as súas actividades no Centro Hispano Venezolano do estado Aragua,  Maracay.

O sábado día 10, Santiago Camba trasladouse á cidade de El Tigre  visitando Centro Cultural Español Cervantes falando con galegos na zona, e coa Xunta Directiva, que preside José Luis Ferrera Tejera, e co vicepresidente Alberto González Crespo.

Pola noite, o secretario xeral visitou a cidade de Lechería para acudir á celebración do 49º aniversario do Centro Gallego de Puerto La Cruz (CGPLC), presidido polo estradense Manuel Sinde Porto, onde saudou aos preto de 350 galegos que fan vida nesa institución. 

O luns 12, Santiago Camba estivo presente nos actos do 49º aniversario da Irmandade Galega de Venezuela (HGV), onde participou na Ofrenda Floral ao busto do Libertador Simón Bolívar.


4,43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: