Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Ata o 1 de novembro

O teatro en Carballo acada a maioría de idade

O Festival de Outono cumpre 18 anos como exemplo da estabilidade das mostras teatrais nas vilas galegas.

Moisés Álvarez - 18:10 15/10/2009

Ribadavia, Cangas, Cee, Carballo. Á hora de pensar nas principais mostras de teatro do país, non son os nomes das cidades os primeiros en vir á cabeza, senón os de vilas que levan anos apostando por citas estábeis. O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo cumpre 18 anos como un referente en Galiza, impulsado como un proxecto común desde entidades e persoas con posicións políticas moi diferentes.

O festival créao en 1992 a Asociación Cultural Telón e Aparte, como resposta ás dificultades para acceder a teatro de calidade na comarca de Bergantiños. Alberto Sueiro, presidente da asociación, ten claro que 18 anos despois a situación cambiou moito. “É diametralmente distinta”, valora, e cita os auditorios e espazos para o teatro cos que contan vilas como Malpica, Laxe ou Vimianzo, e a inclusión de Carballo na Rede Galega de Teatros e Auditorios, “o que implica que calquera teña acceso a ver teatro galego de forma estábel”.

A 18ª edición do FIOT, a da maioría de idade, celébrase na vila bergantiñá desde o 10 de outubro e ata o 1 de novembro. Polo Pazo da Cultura pasarán compañías de Galiza, Madrid, Portugal, Chile e Arxentina, nunha programación na que teñen cabida o teatro clásico, os monicreques, o musical e moita comedia. Ademais, o teatro esténdese ás rúas e os bares da localidade nunha programación paralela que tamén inclúe cafés cos artistas e obradoiros.

Un festival de consenso
“O segredo do FIOT é que desde o principio tivemos a sorte de que desde as distintas sensibilidades políticas se viu que era un proxecto polo que había que apostar”. Quen o di é Alberto Sueiro, que ademais de presidir a a asociación organizadora é deputado do PP no Hórreo e líder da oposición en Carballo. Isto non é obstáculo para que o festival conte coa colaboración de todas as administracións. “O festival foise consolidando a pesar dos diferentes avatares nas institucións ao longo dos anos, polo que cada vez estaba máis xustificada a axuda independentemente de quen gobernase”, explica Sueiro. É consciente de que “noutros casos non se deu esa altura de miras”, e asegura que a clave está en “ter claro que estamos nisto de xeito provisional, e que o importante é conseguir que o festival permaneza”.

Para levar adiante un festival ambicioso nunha vila, é imprescindíbel implicar a sociedade. “Nas vilas o pobo entrégase cun evento así, faino máis seu, e iso é o que lle dá estabilidade”, afirma Sueiro. O organizador do FIOT cre que as outras vilas galegas que contan con festivais de teatro consolidados partiron hai anos dunhas circunstancias de carencia de programación similares ás que afectaban a Carballo.

“En Galiza contamos cunha rede de festivais razoábel, do que se trata é de potenciala”, destaca Sueiro, que cre que a situación é similar á que se dá no Estado, onde “os festivais de referencia se celebran en vilas ou cidades pequenas como Almagro, Mérida ou Tárrega”. Alberto Sueiro cre que o país non precisa dunha gran mostra de referencia nunha cidade: “o que fai grande un festival é a programación e a asistencia do público, non as dimensións do entorno”. E na súa 18ª edición, o FIOT de Carballo volve reunir esas dúas características.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: