Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Queren ser sector estratéxico

A crise emborralla as artes gráficas

O sector gráfico galego diminuíu a produción nun 30% no que vai de ano, e o 45% das empresas reduciron persoal.

Redacción - 09:50 14/10/2009

As empresas de artes gráficas de Galiza non atravesan un bo momento. A crise económica e financeira está a afectar a un sector moi atomizado e que depende dos investimentos en novas tecnoloxías. As compañías do sector analizaron como cambiar esta situación nunha asemblea xeral extraordinaria celebrada pola Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia (AEAGG). Entre outras medidas, decidiron solicitar á Xunta a creación de liñas de axuda para proxectos de concentración empresarial.

Unha enquisa da AEAGG entre os seus asociados sinala que no que vai de ano as empresas do sector en Galiza diminuíron nun 30% a súa produción, ao tempo que o 45% das compañías reduciron persoal. A asociación sitúa o avance da era dixital, o descenso da demanda e as restricións de crédito como agravantes da crise. Segundo datos da Federación Empresarial de Industrias Gráficas de España, en Galiza no 2008 había 756 empresas con asalariados dedicadas ás artes gráficas e ao manipulado de papel e cartón, que daban emprego a 4.673 traballadores.

Para mellorar a situación actual, as empresas acordaron solicitar á Xunta a creación de liñas de axuda para proxectos de concentración empresarial e para potenciar a saída ao exterior das empresas galegas. Tamén solicitarán un plan para que o sector gráfico sexa declarado como estratéxico. O presidente da AEAGG, Jacobo Bermejo, sinalou que “queremos trasladar á Administración a nosa preocupación pola falta de financiamento que estamos a sufrir e por unha política que vai por en perigo centos de postos de traballo”.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: