Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
INFORME DO OGSI

As webs municipais suspenden en accesibilidade

Tres de cada catro non acadan o aprobado, mentres que só o 16% dos portais analizados teñen unha accesibilidade superior ao 0,6.

Redacción - 13:00 02/10/2009
As webs feitas integramente en Flash son un exemplo de non accesibilidade

As webs feitas integramente en Flash son un exemplo de non accesibilidade

O Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI) presentou o primeiro Estudo da Accesibilidade Web nos concellos, que amosa que dúas de cada tres páxinas municipais contan con atrancos ao acceso da información. Ademais, nunha escala de cero a un, a media do país non chega ao aprobado: queda en 0,44.

Para valorar o nivel de accesibilidade das webs, o OGSI tivo en conta os requisitos que estabelece a norma UNE respectiva, e o feito de que a lei obriga a que todas as páxinas das administracións públicas deben ter, como mínimo, un nivel de accesibilidade medio. Empregouse a ferramenta TAW Observer da Fundación CTIC.

En liñas xerais, considérase que unha web é accesíbel se todos os seus elementos gráficos teñen unha alternativa textual e se non abusa -ou mesmo fai uso exclusivo- de tecnoloxías como Flash, non dispoñíbeis para todas as persoas usuarias.

Segundo o informe, non hai relación directa entre a poboación do concello e o nivel de accesibilidade da súa web, é dicir, que as webs menos accesíbeis non son necesariamente as dos municipios rurais. Así e todo, si que se atopou unha tendencia a que as webs con máis páxinas fosen máis accesíbeis.

Só un terzo das páxinas municipais 'aprobou' en termos de accesibilidade, e apenas o 16% (44 portais) superou o 0,6. O valor máximo foi de 0,82 e o mínimo de 0,16.

O informe, que se pode consultar na web do OGSI, conclúe que hai portais que están a tomar medidas activas para reducir as barreiras de accesibilidade, mentres que as principais deficiencias refírense ao uso de elementos e atributos presentacionais, ao uso de marcos e aos erros gramaticais no HTML e CSS, que fan que o contido non se poida ver correctamente en calquera navegador que cumpra os estándares da web.


3.67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: