Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
POLÉMICA

Feijoo-RAG: Historia dun desencontro

Xosé Ramón Barreiro aproveitou un acto en que estaba presente o presidente da Xunta para expresar o fondo malestar dos académicos coa súa política lingüística.

R.Vilar - 18:35 07/09/2009

Antes de comezar a súa “homilía”, Xosé Ramón Barreiro avisou de que ía ser un pouco “imprudente”. Sen dúbida, o presidente da Real Academia Galega sabía de sobra que as súas palabras en Celanova ían retombar en todo o país. Mais ao veterano historiador non lle tremeu a voz á hora de botarlle en cara a Feijoo a actitude do Goberno cara á lingua do país: “A primeira obriga que teñen os poderes públicos é fomentar o sosego, a paz e a tranquilidade e non crear problemas sobre estes e outros puntos”.

A escasos metros coma un fregués máis, o presidente da Xunta aguantaba a treboada que lle viña enriba. Porén, segundo explican algúns dos presentes no Premio Casa dos Poetas, era evidente que Feijoo estaba completamente “descolocado” co que estaba a suceder. A explicación era sinxela, ninguén, nin sequera moitos dos académicos, sabían até que punto ía ser crítico o discurso de Barreiro.

O veterano e prestixioso historiador ribeirense domina a oratoria, os púlpitos (de feito foi crego, recorda con retranca un membro da RAG). Este domingo demostrouno en Celanova. Barreiro dirixiuse ao público sen ningún papel. Fontes consultadas por Vieiros subliñan que non había ningún tipo de texto pactado previamente: “ O presidente recolleu o sentir da inmensa maioría dos académicos e unha preocupación que hai na sociedade”.

Un malestar que se arrastra dende hai meses

Aínda que sempre dentro da corrección institucional, as palabras de Barreiro eran auténtica pólvora, non só polo contido, senón tamén polo auditorio elixido, onde se mesturaba a clase política e o mundo intelectual.

Dende o cambio de Goberno, nas diferentes sesións da RAG houbo numerosas voces que mostraron a súa preocupación pola nova política lingüística. Cos lóxicos matices que existen nunha institución con membros das máis diversas ideoloxías, o sentimento dos académicos é case unánime: Está a se abrir unha perigosa guerra lingüística que ameaza con tirar polo chan os esforzos de décadas por darlle un maior estatus ao idioma do país.

A última das sesións da RAG tivo lugar o pasado 31 de xullo. Na mesma volveu  falarse da situación lingüística. Non houbo ningún tipo de acordo pero o propio presidente, quizais coa decisión xa madurada na súa cabeza, lembrou a importancia de que os académicos estivesen presentes o 6 de setembro no acto de Celanova. A pechada ovación do auditorio (e dos académicos presentes) revelaba que, aínda que non agardadas, as palabras do presidente da RAG eran máis que desexadas.


4,58/5 (50 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: