Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INGRESOS MÍSEROS

A industria tira o prezo do litro de leite até os 22 céntimos

A peor situación vívena ás granxas que lle venden o seu produto a Leite Río. Porén, practicamente ningunha das 12 mil explotacións cobrou os 31 céntimos que se marcaban como referencia mínima.

Redacción - 09:00 25/08/2009

As 12 mil familias do país que traballan con vacas de leite seguen a ver como os baixos prezos poñen en risco o futuro das súas explotacións. De nada semella ter servido o principio de acordo acadado a finais de xullo para establecer uns prezos de referencia (un mínimo de 31 céntimos por litro en orixe).

Quen pode dar testemuña de que todo quedou en palabras son as granxas que lle venden o seu produto ao grupo empresarial Leite Río. A finais da semana pasada a compañía luguesa, a que máis factura en Galiza, fixo efectivo o mes de xullo. O pago medio foi de 22 céntimos por litro de leite (un céntimo menos ca o mes anterior). Nestes momentos Río é a empresa que menos está a pagar polo litro de leite en orixe. Gandeiros consultados por Vieiros que lle venden o seu produto a empresas como Puleva, Pascual ou a Capsa, percibiron de media entre 27 e 29 céntimos.

Aínda nos mellores casos, o prezo do leite está moi lonxe do que os produtores consideran preciso para que unha familia poida ter unha situación económica desafogada (arredor de 40 céntimos). Os sindicatos calculan que todo o que signifique estar por debaixo dos 30 céntimos pon en apretos a calquera explotación, incluso ás mellor dimensionadas.

Hai ou non hai demanda?

O empresario Xesús Lence, dono de Leite Río, sostén que non pode pagar máis porque baixou notabelmente a demanda. Incluso, xa anunciou a súa intención de deixar de deixar a recollida dunha cooperativa de Ordes a partir de setembro (o que deixaría paradas ducias de granxas desta comarca)

Os gandeiros non cren esta versión. Para eles, as industrias tiran os prezos en orixe para poder competir no mercado e, á vez, manter ou incluso aumentar as marxes de beneficios. A isto súmase a entrada de excedente foráneo (principalmente de Francia).

Especialmente polémica é tamén a decisión de Lence de precindir das cooperativas. Os gandeiros consideran que detrás hai unha estratexia que é a de negociar caso a caso, o que lle resta forza aos produtores.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: