Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Denuncia do grupo parlamentario do BNG

Volta ao reparto dos cartos "en función da cor política" dos concellos

O deputado nacionalista Henrique Viéitez advirte de "resultados escandalosos" na distribución de recursos da Xunta destinados a cooperación cos municipios.

Redacción - 11:00 17/08/2009

Son recursos que deberían repartirse "conforme a un baremo público e obxectivo e xa que logo sen intermediarios", denuncia Henrique Viéitez, asegurando que a Xunta está facendo un reparto "discrecional" e usando para isto as novas delegacións territoriais. Para o deputado do BNG queda así demostrado a función que estas "superdelegacións" están facendo como "órganos políticos do goberno para controlar recursos públicos e instrumentalizar ao servizo dun partido".

O representante do Bloque esixe que se lle expliquen polo miúdo á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) os criteriores e procedementos que se están poñendo en marcha e láiase de que á luz dos datos, "a realidade é que se están a vehiculizar a través dos delegados cuns resultados escandalosos dependendo da cor política do concello".

Por este motivo, o Bloque levará ao Parlamento o reparto destes recursos destinados á cooperación cos concellos para crear emprego. Nunha iniciativa rexistrada na Cámara, os nacionalistas esixen que o Goberno dea conta de cantos recursos se teñen destinado xa dende a Consellaría de Traballo neste Plan de Cooperación, "con que criterios e con que resultado". Pregunta ademais Viéitez se se tivo en conta o número de parados existentes en cada municipio, "toda vez que, segundo as súas informacións, concellos con cifras de desemprego enormemente amplas e con dados que conforme a unha baremación obxectiva debían recibir un bo número de recursos reciben, sen embargo, cantidades ridículas en comparación con outros, con alcaldes do PP".


4.8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: