Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Audiovisual do país

A CRTVG contrata 18 filmes galegos "cun grande esforzo"

O investimento, de 4,6 millóns, inclúe tamén 47 documentais, que levarán a menor parte do orzamento.

Redacción - 19:30 21/07/2009

A CRTVG contratará 18 filmes producidos polo sector audiovisual galego neste ano. A resolución do director xeral da compañía, Alfonso Sánchez Izquierdo, supoñerá un investimento de 4,6 millóns de euros. Deles, 3,9 serán para a realización de nove longametraxes e seis filmes para a televisión máis a precompra de dereitos en galego doutras tres tv-movies. Os outros 700 mil euros destinaranse a desenvolver 47 documentais.

O ente público asegura que asume estes gastos "cun grande esforzo financeiro", pois os presupostos para este exercicio "foron executados xa a mediados de ano". O investimento estabelecerase a través de diversas fórmulas. Os títulos das longametraxes son Retornos, de Vaca Films; O Apóstolo, de Artefacto; Celda 211, tamén de Vaca Films; Relatos, de Matriuska; Elemental Child, de Iceberg; Link, de IB Cinema; Sweet Dreams, de Sun Lúa; O sexo dos anxos, de Continental, e Os Crebinsky, de Pulsa Control Z.

Os filmes para televisión, de máis de 80 minutos d eduración, son Mar Libre, de Ficción Producciones; Arcos, de Directo de Información; Miña Nena, de Adivina; Voltar á Casa, de Formato Vídeo; Outro Máis, de CTV e Filmanova, e O Bonito Crime do Carabineiro, de Zenit TV. As tres restantes, para as que se adquiriron os dereitos de exploración, son As Reliquias do Santo, de Bren; Fútbol de Alterne, de Filmanova, e Vacas, Porcos e Zapatos de Tacón, de Voz Audiovisual.

Clúster
Por outra banda, o Clúster Audiovisual Galego reuniuse co director xeral da CRTVG para amosarlle a súa vontade de implicarse no proceso de dixitalización da produción que iniciará a compañía durante o vindeiro ano. O Clúster amosou tamén a súa disposición a emprender novos proxectos de internacionalización da súa actividade, para o que pediron un apoio da TVG directamente e a través das canles ás que ten acceso, como a Forta.


3,67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: