Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ademais, hai varios centos de persoas detidas

Centos de mortos na China durante as protestas da minoría musulmá uigur

A BBC fala de 140 falecidos e máis de 800 feridos na rexión de Xinjiang, datos que tamén recollen os medios de comunicación chineses.

Redacción - 14:00 06/07/2009
Unha imaxe das protestas / BBC

Unha imaxe das protestas / BBC

A tensión étnica que se vive dende hai anos na rexión chinesa de Xinjiang, onde mora a minoría musulmá uigur, estalou este domingo con violencia. Na capital da rexión, Urumqi, desenvolvíase unha manifestación estudantil que terminou co asasinato de 140 persoas. Polo menos hai 800 feridos e varios detidos, segundo as informacións que chegan vía as axencias oficiais de noticias chinesas.

Porén, non está claro como comezaron e se desenvolveron os enfrontamentos. Na BBC sinalan que hai dúas versións: a gobernamental, que sinala que foron as persoas mobilizadas as que comezaron a atentar contra vivendas, automóbiles e viandantes; mentres a outra versión, a do colectivo uigur, sinala que a súa protesta foi pacífica e que foron vítimas da violencia estatal, xa que foi a policía a que disparou indiscriminadamente sobre os manifestantes en Urumqi.

O goberno chinés culpa os exiliados uigures da revolta
Por outro lado, o goberno chinés culpou os separatistas uigures exiliados no estranxeiro de orquestrar os ataques contra a poboación non musulmá da rexión. Porén, os movementos uigures no exilio rexeitaron a acusación de Beixín sobre a confabulación, e sinalaron que as protestas foron o resultado dun forte descontento existente na poboación sobre as políticas oficiais e o dominio chinés na economía da zona, unha das máis pobres do país.

Ademais disto, os exiliados uigures rebateron as cifras oficiais, dicindo que a protesta foi secundada por 10 mil persoas, e que as persoas asasinados foron 600. Dorkum Isa, un voceiro do Congreso Mundial Uigur (WUC) en Munich, rexeitou os informes elaborados pola axencia Xinhua. "Estannos acusando, para distraer a atención da discriminación e opresión que provocaron as protestas contra os uigures", dixo Dilxat Raxit, voceiro do Congreso Mundial Uigur en Suecia. "Comezou como unha congregación pacífica. Había milleiros de persoas gritando que acabe a discriminación étnica... Están cansos de sufrir en silencio", recalcou.

A axencia Xinhua afirmou, ademais, de que a situación este luns, atopábase "baixo control". Non transcendeu, de momento, que se teñan producido altercados noutras zonas de Xianjuang.

A minoría uigur
En China, hai uns 8,3 millóns de uigures; trátanse dunha das 55 minorías étnicas presentes no país, que moran na provincia de Xinjiang, unha das máis pobres de China. Esta etnia de orixe turcomán conta tamén con comunidades en países como Suecia, Alemaña e os EUA, alén da súa tradicional presencia en Central, en países como Casaquistán, Taxiquistán, Quirguicistán, situados a carón de Xinjiang, e mesmo en Usbequistán.

Dentro do colectivo hai profundos sentimentos nacionalistas, xa que unha parte da poboación soña coa independencia da rexión que chaman Turquestán Oriental. Parte de la rexión -que tamén fai fronteira con Mongolia, Rusia e Paquistán- foi independente nalgúns períodos da súa historia. Pero en 1949 foi invadida polos exércitos de Mao Zedong. Dende aquela, a zona de Xianjiang foi berce dun movemento separatista, e, segundo a prensa oficial, foron autores de varios atentados mortais. As autoridades sinalaron a comezos de xuño que tiñan desmanteladas sete células terroristas, mais varias organizacións dos dereitos humanos como Amnistía Internacional ou Human Right Watch acusan o goberno chinés de reprimir a cultura das minorías de Xinjiang.

Para saber un pouco máis:


3.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Un vídeo das protestas, facilitado polos medios oficiais chineses

Unha imaxe facilitada pola axencia oficial Xinhuanet, que ofrece a versión de que os causantes da violencia son os uigures
Unha imaxe facilitada pola axencia oficial Xinhuanet, que ofrece a versión de que os causantes da violencia son os uigures
Imaxe dunha das feridas, facilitada pola cadea CCTV
Imaxe dunha das feridas, facilitada pola cadea CCTV