Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pasará por Monforte

Fomento anuncia unha segunda conexión de TAV entre Galiza e a Meseta

Blanco di que atender a todas as CC.AA. é "imposíbel" pero que desta volta lle fai "unha chiscadela" ao noso país, que "non tivo as mesmas oportunidades".

Redacción - 08:00 23/06/2009
Coa nova liña anunciada por Blanco, serían tres as que comunicarían Galiza co resto da Península

Coa nova liña anunciada por Blanco, serían tres as que comunicarían Galiza co resto da Península

O ministro de Fomento, o ulloán Xosé Blanco, anunciou estas segunda feira a construción dunha nova conexión viaria e ferroviaria entre Galiza e a Meseta, a través do eixo Ourense, Monforte, Ponferrada e León. Este novo corredor, sinalou, "romperá o illamento dunha das zonas menos accesíbeis de Galicia, pero puxante economicamente en sectores como o de transformación de lousas, a viticultura e o turismo".

Neste sentido, durante a súa comparecencia na Comisión Xeral de Comunidades Autónomas do Senado, o titular de Fomento reiterou que o Ministerio "fará o necesario para que os beneficios do TAV cheguen canto antes a Galiza".

Segundo asegurou, o trazado definitivo da conexión TAV a Galiza terá "os parámetros de deseño máis esixentes, para poder circular a 300 quilómetros por hora, imprescindíbel para conseguir tempos de viaxe competitivos en traxectos que superarán nalgúns casos os 600 quilómetros por hora, por exemplo o traxecto Madrid-A Coruña".

Segundo Branco, estas actuacións "suporán un cambio histórico nas comunicacións de Galiza que, como é sabido, ten unha especial complexidade pola súa orografía".

Terceira conexión do TAV para Galiza
Esta conexión constituirá a terceira do TAV de Galicia, xunto á que actualmente se está a construír a través de Zamora, e a prevista con Portugal. Á súa vez, permitirá a conexión transversal con León, xa integrado no TAV no eixo Valladolid-Palencia-Oviedo.

Coa nova liña, Ourense será o principal nó ferroviario do Noroeste e a "porta de entrada" do TAV a Galiza. Por outro lado, Lugo e Monforte integraranse na rede TAV con conexións ferroviarias de novo trazado.

Na súa comparecencia no Senado, Blanco tamén lle pediu ás Comunidades Autónomas comprensión para entender que cumprir todas as peticións en materia de infraestruturas "é imposíbel". Porén, sinalou que desta volta lle facía unha chiscadela a Galiza porque "non tivo as mesmas oportunidades" que outros territorios.

Que vai acontecer cos prazos?
Pola súa banda, o senador do BNG Xosé Manuel Pérez Bouza dirixiuse ao ministro para pedirlle que "verta luz sobre os horizontes temporais e os orzamentos dispoñíbeis para a execución do TAV a Galiza, reprochándolle que "só realizase unha listaxe de todos os proxectos de grandes infraestruturas que están en execución ou en obra, aínda que fuxindo de compromisos concretos en canto a datas e dispoñibilidade de recursos para levalas a cabo".

Por isto, Pérez Bouza pediulle a Blanco que lles "aclare a todos os galegos" cando circularán os trens de alta velocidade, tanto no Eixo Atlántico como na liña que enlazará coa Meseta, e "sen esquecer as conexións interiores".


4.5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: