Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Patrimonio cultural

Docentes de Filoloxía Galega en Barcelona critican a política lingüística

Nunha carta enviada ao presidente do Goberno amosan a súa preocupación pola desprotección que vai supoñer para o galego.

Redacción - 17:15 18/06/2009

O equipo docente de Filoloxía Galega das universidades de Barcelona e Autònoma de Barcelona amosou a súa preocupación polas medidas adoptadas pola Xunta arredor da lingua. Nun comunicado que lle enviaron a Alberto Núñez Feijoo e mais ao conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, afirman que a política do Goberno está a "favorecer a desprotección da lingua en ámbitos sociais como o ensino non universitario e a función pública, onde é unha obriga legal a súa promoción".

Deste xeito, súmanse aos argumentos expresados polos departamentos de Filoloxía Galega das tres universidades do país, e achegan consideracións dende o seu punto de vista de profesionais do exterior. Neste sentido, consideran que a desvalorización da lingua, "do propio patrimonio", por cuestionar "desde dentro a importancia da nosa lingua" pódese ver traducida nun "descrédito para a imaxe xeral do país", que prexudica a promoción económica e social dunha imaxe de marca "que debe aspirar á solvencia e á calidade".

Tamén inciden en que é preciso un "trato compensatorio da lingua máis desfavorecida" para a preservación do galego, nunha situación de "desigualdade manifesta", pois tratalas de maneira idéntica "pode ter efectos contrarios á convivencia da lingua". De feito, afirman que as persoas galegofalantes deben ter garantidos os seus dereitos, pois "ningunha escolla lingüística é posíbel se non se ofrece máis dun elemento para realizala".

Ademais, tachan de "falacia" o feito de que os pais poidan escoller a lingua do ensino público apoiándose nos dereitos individuais, pois non se ten en conta que os dereitos persoais só se poden exercer "se a colectividade na que vive lle proporciona a oportunidade de facelo", polo que a persoa só pode exercer os seus dereitos no seo dunha sociedade.

A lexislación, segundo estes profesionais, debe darlle un trato preferente ao galego para "conseguir unha sociedade de individuos plurilingües". Doutro xeito, "chegarán a reducila ao monolingüismo en castelán".


4.92/5 (24 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: