Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
50 títulos este ano

Xerais inicia a transición ao libro electrónico

A editorial prevé distribuír as súas obras a través de todo tipo de soportes e plataformas para diferentes dispositivos.

M. del Río - 08:00 11/06/2009
Un dos modelos de lector de libros electrónicos que existen no mercado

Un dos modelos de lector de libros electrónicos que existen no mercado

Edicións Xerais de Galicia ten previsto pasarse este ano ao libro dixital. O seu director, Manuel Bragado, asegurou que todo chegará despois dun necesario proceso de adaptación. Na editorial xa están a traballar na renovación da edición tradicional, introducindo o uso da linguaxe XML á hora de maquetar.

Segundo explicou Bragado, hai que romper cunha dinámica dos últimos 17 anos para adaptarse aos novos tempos, novos formatos e novos xeitos de ler. En principio, Xerais está a experimentar cos formatos EPub, considerado o máis versátil, e PDF para a edición de libros electrónicos, sempre do xeito máis aberto para permitir a súa distribución a través do número máis amplo de canles posíbel e para todo tipo de dispositivos, ben sexan computadores, lectores de libros electrónicos ou teléfonos móbiles de nova xeración.

Para o director de Xerais, o reto é pasar a "unha edición máis centrada no contido ca nun froito concreto, como é o libro impreso". Paralelamente, a editorial está a traballar na que será a Biblioteca Dixital Xerais. Un primeiro apartado dela serán os contidos educativos dixitais que elabora a editorial e aos que poderán acceder os usuarios dos seus libros a través dos propios servidores de Xerais. Tamén se poderán distribuír en lapis USB.

Bragado salientou que o 35% da facturación de Xerais está relacionada co ensino, de aí que ese vaia ser un dos principais piares da súa futura edición electrónica, que pretende cubrir as "novas necesidades das aulas". Afirmou que xa dispón de máis de 20 títulos nese novo formato.

Outro paso será o lanzamento de obras literarias para libros electrónicos, que incluirán obras descatalogadas. Bragado prevé, por exemplo, o relanzamento da colección Ablativo Absoluto, co que é preciso contactar e acordalo cos autores. O feito de recuperar obras descatalogadas e que xa non existen en papel vai "facilitar unha transición máis rápida". En calquera caso, será tamén posíbel imprimir "baixo demanda" eses títulos.

E a terceira parte da transición ao dixital será publicar en formato electrónico libros que tamén existen en papel. A opción dixital será unha máis, paralela aos volumes físicos, que seguirán editándose. Prevese, ademais, que o Gran dicionario Xerais da lingua, previsto para novembro, saia en versión electrónica en chave USB en xaneiro ou febreiro.
Antes de final de ano, Xerais prevé lanzar 50 libros en formato dixital, algúns de balde, outros a un prezo reducido e outros ao mesmo prezo ca en papel.

A editorial tamén terá que cambiar o modelo de negocio e asinar acordos con agregadores de contidos, distribuidores de libros electrónicos "que non funcionen en exclusiva". Tamén están abertos a crear una plataforma de distribución de literatura dixital en galego, seguindo o exemplo dos editores cataláns. "Isto vai ir a moita velocidade", afirmou, "estamos aprendendo, porque somos editores do século XX".


5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: