Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
e sen cotizar á Seguridade Social

O PPdeG admite que Rueda traballou sen cobrar como asesor da Deputación de Pontevedra

Socialistas e nacionalistas ven neste caso un "uso perverso" da Lei da Función Pública. Os populares defendéronse acusando o BNG.

Redacción - 09:00 10/06/2009
O secretario xeral do PPdeG e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda

O secretario xeral do PPdeG e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda

O PPdeG admitiu esta terza feira no Parlamento que o seu secretario xeral, Alfonso Rueda, "non cobraba, nin estaba en nómina, nin estaba afiliado á Seguridade Social" cando figuraba como asesor da Deputación de Pontevedra. Así o sinalou voceiro popular na Cámara, Manuel Ruiz Rivas, quen aludiu "á traxectoria profesional, pulcra, transparente e honesta" de Rueda, quen na actualidade é tamén conselleiro de Presidencia.

Ruiz Rivas respondeu así a unha pregunta do PSdeG, que ía dirixida ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e que sinalaba que manter a excedencia que lle permitiu a Rueda seguir co seu posto de secretario do Concello de Cambados era un "claro fraude de lei".

Ao ser elixido man dereita de Feijoo dentro do PPdeG, en 2006, Rueda viuse obrigado a deixar o seu posto de secretario en Cambados, mais garantíndoo para cando quixese regresar. Para isto, aceptou un posto de asesor na Deputación de Pontevedra, contratado polo seu compañeiro de partido, Rafael Louzán. Deste xeito, mantiña o seu destino en Cambados.

Socialistas e Nacionalistas ven un "uso perverso" da Función Pública
Ao admitir agora os populares que Rueda nunca cobrou ao traballar para Louzán, PSdeG e BNG corroboraron o que xa apuntaran en diversas ocasións: que o secretario xeral do PPdeG foi "liberado", empregando unha "institución pública para reservar unha praza propia no Concello de Cambados"; o que se trataría dunha incompatibilidade coa Lei da Función Pública.

Porén, os argumentos de socialistas e nacionalistas foron rebatidos pola conselleiro da Facenda, Marta Fernández Currás, a pedimento de Feijoo. Fernández Currás dixo que o feito de que o posto de Rueda na Deputación non estivese remunerado non exclúe este caso dun "uso perverso da Lei da Función Pública". A isto o deputado do PSdeG, Xosé Manuel Lage Tuñas, sinalou que si que houbo "uso perverso da lei", xa que neste caso confluíron "intereses públicos e partidarios"; e o deputado nacionalista Alfredo Suárez Canal reiterou que "todos os partidos liberan algúns militantes, pero non se poden empregar institucións democráticas para iso", terminando por comparar o PPdeG co PRI mexicano, na súa "patrimonialización das institucións".

Polo seu lado, Ruiz Rivas terminou facendo un alegato en defensa de Rueda e apelando aos resultados electorais do domingo, para despois criticar o BNG, por contratar ao seu voceiro nacional, Guillerme Vázquez, como asesor, un feito que, segundo o popular, é un arranxo para que o nacionalista manteña a súa praza de funcionario de Educación.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: