Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
A MARCHA DE XURXO SOUTO

A música galega, pechada por reformas?

Os artistas e grupos salientan a revolución que supuxo o 'Aberto por Reformas' e desconfían dos novos xestores da radio.

Marcos S. Pérez - 20:00 03/06/2009

Soaba Quedamos nesa Praza, de Som do Galpom, a derradeira canción do Aberto por Reformas de Xurxo Souto, e un convite para o futuro, para seguir traballando, seguir loitando pola música galega. O luns 1 de xuño os novos xestores da radio pública de Galiza, a Radio Galega, decidían que Xurxo Souto non continuaría á fronte do programa. Souto finalizou esta última emisión final despedíndose dos oíntes, dando as grazas, e reivindicando a riqueza e o valor da música galega: "chega o momento da despedida. Hai máis de tres anos principiabamos esta aventura. E agora chega o momento de dicir adeus, e dicir grazas (...) Grazas a tantos artistas galegos, a tanto talento. Somos un pobo de artistas. Cando chegamos houbo certas dúbidas. Había quen dicía que non había música galega de abondo para encher unha hora de programación diaria. E a verdade, e dígoo sen ningún pudor, é que botamos por fóra. A aventura continúa. Agora chega o tempo de que veñan outros compañeiros para manter aceso este facho sonoro. Ata logho amigos, tres, dous, un, partíu".

O martes 2 de xuño, ás sete e cinco da tarde, o programa comezou coa mesma sintonía e o mesmo nome, pero un presentador distinto, Xusto López Carril, que pasara fugazmente polo 'Un día por diante' a comezos da pasada lexislatura. Non só era unha voz distinta, senón unha nova filosofía de programa na que a música galega perdía completamente o protagonismo, e o propio espazo, malia manter a mesma forma, ficaba desposuído de identidade e de contido. López Carril abriu a emisión con toda unha declaración de intencións: "Este é un programa musical, de transición entre o magacín e e a información, pero é un programa con selo propio. Sucede que a música é subxectiva, e a nosa aproximación á música é subxectiva, polo tanto cada quen, particularmente, elixe a súa selección natural, que probabelmente vós ou vostedes non compartan, en absoluto, quizais un pouco, quizais algo máis ou algo menos". O novo programa comezaba, pois xustificándose, e anticipando uns cambios que se fixeron evidentes na primeira canción que soou, de Bruce Springsteen.

Foron máis de tres anos nos que o Aberto por Reformas levou, por vez primeira, a música galega de todos os estilos á radio pública, realizou máis de trescentas entrevistas, e deu a coñecer a ducias de novas bandas e de artistas noveis, moitos deles sen ter editado aínda o seu primeiro traballo. Foron tres anos nos que a música galega tivo un escaparate, un espazo de absoluta liberdade para darse a coñecer. Creou un hábito de escoita entre os oíntes e entre os grupos, que comezaron a confiar nos medios para a difusión do seu traballo. O Aberto por Reformas creou por vez primeira un público para a música galega. Desaparece, pois, un espazo fundamental para a difusión da música galega. Un espazo de liberdade que deixa a centos de grupos galegos sen un escenario privilexiado para darse a coñecer. Só queda dicir grazas polo traballo feito nestes anos. E partiu!

Som do Galpom
Som do Galpom foi o derradeiro grupo que soou no programa. Brais, un dos seus compoñentes, di que Aberto por Reformas é "a clave que permite entender o rexurdimento da música en Galiza, e sobre todo da música en galego. Xurxo Souto conseguía transmitir a sensación de que estaba pasando algo importante, e estaba no certo, algo estaba pasando". Para Brais, "a gran asignatura pendente para a música galega é a formación do público, por iso nós tocamos tanto. E nese sentido Aberto foi un faro; grazas ao programa apareceu un novo tipo de consumidor de música: o que compra música galega". E conclúe: "Xurxo facíache crer na música, en que era posíbel, el sínteo así e é capaz de transmitilo".

Ataque Escampe
Para Álex, de Ataque Escampe, é "unha noticia tráxica" e salienta ademais que "Xurxo Souto é unha referencia dunha cidade, A Coruña, que sempre foi vilipendiada. Cando nos putean aos que crecemos alí, podemos ir de humildes dicindo que está aí o Dépor e podemos ir abusóns dicindo que alí creceu Xurxo Souto. Non teño máis que palabras de agradecemento por todo o que fixo pola música galega. Non só se vai un referente á hora de promocionar a música galega, senón tamén unha persoa que defendía a lingua. Téñolle dito que metaforizaba moito e que dicía moitas hipérboles, pero benvidas son as hipérboles cando se trata de defender a lingua".

Fanny & Alexander
Fanny & Alexander mesmo opinan que a desaparición dun dos espazos que máis promocionaba a música do país podería mesmo incorrer na ilegalidade: "A nova orientación de Aberto por Reformas é practicamente ilegal xa que ao eliminar o único programa que promovía a música contemporánea cantada en galego estase conculcando o artigo 16 da Lei 9/1984 da CRTVG onde se di a programación debe estar inspirada pola 'promoción e difusión da cultura e lingua galega, así como pola defensa da identidade da nacionalidade galega".

Machina, Uxía, García (DKTC) e Galegoz
Machina tamén soou no derradeito programa. En opinión de Anxo, un dos seus integrantes, "antes deste programa non existían os grupos galegos na Radio Galega, quitando os de folk, con todo o respecto para eles. Non sei que vai pasar agora, esperabámolo, pero é un mazazo". Para Uxía Senlle, o Aberto por Reformas foi unha "revolución na radio galega, e na radio pública en xeral. Recuperou para a radio, onde non existía, a música galega en todas as súas expresións"; e sobre Xurxo Souto di que se converteu nun "totem para os grupos", sobre todo para as novas formacións, grazas á "enerxía, á radio viva que fixo, totalmente pegada á realidade". Pola súa banda, Marcos Payno (Galegoz) salienta que o programa "promocionou a música como ninguén, nunca censurou nada, e nestes anos o traballo de Xurxo Souto foi fundamental para a difusión da música galega. E seguirá facendo un labor moi importante, estea onde estea". García (Dios ke te Crew), mentres, cre que é "triste" que unha radio pública "se convirta nunha radio de partido" e lamenta que se elimine un programa que "conseguiu que un monte de grupos emerxentes fosen coñecidos.

O Leo
En palabras de O Leo, Aberto por Reformas foi para a música galega "o que a aparición das radiofórmulas significou para a explosión da música pop en todo o planeta hai unhas décadas". "En Galicia chegamos con máis de corenta anos de atraso", di Leo, que salienta que Xurxo Souto estivo "á altura do país". "As contas cadran -di- se non fose polo programa eu non estaría tocando tanto; estaría como antes, coma na prehistoria fraguista, dando tres ou catro concertos ao ano, cunha música galega de capa caída e non só non promocionada senón perseguida", conclúe Leo, que avisa: "O traballo de Xurxo Souto non caeu en terreo ermo; o que sementou esta aí e isto non vai dar marcha atrás". É, pois, tempo de traballar, como canta Deolinda nun tema que tamén soou no derradeiro programa conducido por Xurxo Souto: Agora sim, damos a volta a isto!/ Agora sim, há pernas para andar!/ Agora sim, eu sinto o optimismo!/ Vamos em frente, ninguém nos vai parar!


4,78/5 (65 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



'Morriña', de La Pegatina, hai unhas semanas no estudio de 'Aberto por Reformas'

'Movimento Perpétuo Associativo', de Deolinda, soou tamén no derradeiro programa de Xurxo Souto

Xurxo Souto, gaiteiro!
Xurxo Souto, gaiteiro!