Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crise no sector leiteiro

A Xunta obvia o grupo lácteo e estuda crear unha marca propia para o leite galego

O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, instou a Competencia a vixiar as importacións. No Parlamento pedíuselle que garanta a continuidade de Pascual na Terra Chá.

Redacción - 08:00 20/05/2009
Flickr: jmdesfilhes

Flickr: jmdesfilhes

O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, informou esta terza feira no Parlamento sobre a determinación da Xunta de promover a creación da marca "leite de Galiza" -mais co seu nome en castelán-, para diferenciar no mercado a materia prima producida no noso país, e como medida para vixiar a distribución deste produto alimentario. Porén, o popular non dixo nada de apoiar a creación dun grupo lácteo galego, unha das medidas máis demandadas dentro do sector, que segue aínda sen apoio público.

Juárez non deu moitos detalles sobre este novo proxecto, mais dixo que a marca funcionaría como as sinaladas co "Q", que identifica os produtos de alta calidade, desenvolvida polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MARM). O conselleiro comparecía por vez primeira na Cámara para explicar as medidas anunciadas a pasada semana, o chamado "plan de choque" para sacar da crise o sector do leite galego, e para sinalar a intención do Executivo Feijoo de instar a Comisión Nacional da Competencia a que investigue a existencia de posíbes prácticas desleais na importación de leite doutros países da Unión Europea (UE), especialmente de Francia, que termina comercializándose a prezos moi inferiores ao seu custe de produción.

O Parlamento pídelle a Juárez que garanta a supervivencia de Pascual en Outeiro de Rei
No día que Juárez aparecía por vez primeira no Parlamento, a Cámara enteira reclamoulle, por unanimidade, que estebeleza as medidas oportunas para asegurar a supervivencia da factoría que o Grupo Leite Pascual ten en Outeiro de Rei (Terra Chá), ao tempo que lle garanta a "recollido do leite aos gandeiros a prezo de mercado". A iniciativa foi desenvolvida por PSdeG e BNG, e finalmente o PPdeG uniuse a última hora, o que permitiu que saíse adiante.

Durante o debate que se estabeleceu sobre o sector leiteiro galego, a deputada socialista Sonia Verdes instou o Goberno a desenvolver medidas para sacar da situación de crise este sector, estratéxico para o país, e criticou o conselleiro de Medio Rural por non expoñer abertamente os proxectos creados polo seu departamento nesta liña, e por culpar desta situación o goberno español.

Unha proposición de "mea culpa"
Polo seu lado, o deputado popular Xosé Manuel Baltar Blanco anunciou a intención do seu grupo de crear un grupo de traballo parlamentario de traballo, no seo da Comisión de Agricultura, para estudar a situación do sector leiteiro, iniciativa que non foi ben acollida pola bancada do BNG, que viu como era rexeitada unha súa proposta encamiñada a reforzar o sector. Finalmente, e fronte ás críticas de Baltar, quen considerou que a oposición ratificou o "manifesto fracaso" do bipartito, a deputada nacionalista Tareixa Paz sostivo que o actual Goberno ten a posibilidade de "estruturar" o sector e potenciar os contratos homologados, "se ten vontade de facelo", seguindo o camiño, dixo, que "arrancou o anterior Executivo". Polo seu lado, a deputada do PSdeG Sonia Verdes volveu saír á palestra entrando neste debate, para sinalar que "se a Xunta non ten medidas, pode empregar as nosas".

Lonxe de facerlle caso a Verdes, Baltar ratificou o rexeite do seu grupo a unha proposición que describiu como de "mea culpa", e suxeriulles a nacionalistas e socialistas que "trasladen" as súas medidas ao goberno español.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: