Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
PARA OS DÍAS 20 E 21 DESTE MES

CIG, UXT e CCOO fan cadansúa convocatoria de folga xeral do metal

As tres centrais participarán nunha medida de presión que xa tiñan pensado levar a cabo de xeito conxunto antes de que CCOO declarara rota a unidade sindical.

Redacción - 14:45 15/05/2009

Se o xoves a CIG anunciou que seguirá adiante coa folga xeral no sector do metal da provincia de Pontevedra que as tres principais centrais sindicais tiñan aprobada, este venres UXT e CC.OO fixeron o propio realizando a súa propia convocatoria. Chámanse a folga para os días 20 e 21 de maio os 27 mil traballadores do sector do metal na provincia de Pontevedra e as tres convocatorias teñen como reivindicación principal o avance nas negociacións para a obtención dun novo convenio colectivo.

Ruptura da unidade sindical

O mércores CC.OO declarou rota a unidade sindical, despois de que a CIG fora o único sindicato que participou activamente no paro realizado en nove estaleiros da comarca. Sobre esta declaración Miguel Anxo Malvido (secretario nacional da CIG metal) dixo que eles foron os únicos que acudiron á reunión convocada polos delegados do estaleiro Vulcano, e unha vez alí non tiveron dúbidas en apoiar o paro que se acordou na xuntanza polos diferentes delgados.

O responsábel de CC.OO para o metal de Vigo, Ramón Sarmiento, argumentou este determinación dicindo que "nós non temos máis obxectivos que conseguir un convenio satisfactorio, e non nos parece leal que un sindicato faga individualmente accións diferentes ás acordadas en conxunto". Sobre unha posíbel recuperación da unidade Sarmiento dixo que é "perfectamente" posíbel e lembrou que, "os tres sindicatos estamos defendendo os mesmos argumentos e parece difícil que algún cambie a súa estratexia".

Pola súa parte, o responsábel de UXT metal en Vigo, Diego Atanes, recoñeceu que "non fomos nós os que rompemos a unidade sindical" e deixou aberta a posibilidade de recuperar esa unión: "é posíbel intentar retomar a unidade, pero todo dependerá dos acontecementos dos vindeiros días".

Reunión da patronal
Ducias de empresarios da provincia convocaron este venres unha reunión no Instituto Feiral de Vigo, a partir das seis e media da tarde. A intención desta reunión é informar a todos os empresarios sobre a situación na que se atopan as negociacións do novo convenio colectivo, e facer un chamamento ás administracións para que medien no conflito.

Os sindicatos consideran que esta reunión pode ser positiva para que a patronal analice a situación, pero alertan sobre a posibilidade de que acorden radicalizar a súa postura.


4,8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: