Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Acto en Bruxelas

Galiza é membro de pleno dereito do patrimonio marítimo europeo

A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial é convidada á 'European Maritime Heritage', ingreso que formaliza este venres o director do Museo do Mar.

Redacción - 11:30 15/05/2009

Trátase dun importante avance na posición de Galiza dentro das institucións europeas con capacidade de influencia sobre o marco legal relativo ao patrimonio marítimo. A European Maritime Heritage (EMH- Patrimonio Marítimo Europeo), é a institución interlocutora habitual na Unión Europea para tratar temas diversos relacionados por exemplo coa lexislación comunitaria en materia de IVE, acordos de seguridade, ou na colaboración coa UNESCO e o Comité Internacional de Museos.

O organismo está formado por asociacións de propietarios de barcos tradicionais, museos marítimos e outros organismos interesados en conservar o patrimonio marítimo europeo. Este venres, e por delegación expresa da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, o director do Museo do Mar de Galicia, Pablo Carrera,viaxa a Bruxelas para reunirse coa dirección da EMH e formalizar o ingreso na plataforma.

"Galiza converterase no primeiro membro rexional de pleno dereito do patrimonio marítimo europeo", destacan desde o Museo do Mar. Na actualidade só outros oito países estaban representados como membros de pleno dereito (Dinamarca, Finlandia, Francia, Alemaña, Noruega, Reino Unido, Países Baixos e Suecia). Alén dos Estados, o caso galego inaugura un novo modelo de asociación no organismo.

A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF) participará así de primeira man na cooperación entre as culturas marítimas europeas para "a posta en marcha de accións encamiñadas a aumentar a conciencia pública polo patrimonio marítimo, a resolución de problemas comúns e o estudo de todos os aspectos relativos á conservación e funcionamento de barcos históricos".


4.29/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: