Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Editorial

A Piñeiro debemos a actual lei de normalización lingüística, todo un logro a valorar nestes tempos de acoso

Ramón Piñeiro, dezanove anos despois da súa morte, aínda provoca suspicacia en certos sectores
nacionalistas polas decisións políticas que tomou na última etapa da súa vida. Pero antes desa etapa
Piñeiro percorreu moitas e, se é culpable de algo, tamén o é de que hoxe esteamos lendo e
escribindo esta revista na nosa lingua.

Redacción - 17:12 05/05/2009

Piñeiro foi un político toda a súa vida, xa desde que aos 16 anos publicou os seus primeiros artigos
na revista Yunque de Lugo. Malia a súa actividade como membro das Mocidades Galeguistas e o
seu labor a prol do Estatuto de autonomía de 1936, o traballo decisivo de Piñeiro hai que procuralo
despois da Guerra Civil. Foi el e o pequeno grupo Galaxia os que mantiveron vivo o galeguismo
baixo o peso dunha ditadura cruel que tamén o levou a el mesmo ao cárcere. Tanto Piñeiro coma
Paco del Riego, Xaime Illa Couto e os outros compañeiros de xeración xogaron con sabedoría as
poucas cartas coas que contaban. Piñeiro fixo, ademais, da súa mesa camilla o centro onfálico -como
diría Pepe Chao- do galeguismo da posguerra. Por ela pasaron as forzas -escasas- do galeguismo do
interior e nela foi formando os “galegos conscientes” que quería para a Galicia do futuro.

O que se deu en chamar piñerismo, a extensión do galeguismo a todos os partidos facendo deste
movemento algo transversal e non exclusivo do Partido Galeguista, foi unha teoría, sobre o papel, impecable, porque a
nosa identidade non debería estar ligada a unha única opción política. Foi así como quixo poñer a andar, nos anos 60, un partido de dereitas e outro de esquerdas.

A idea non funcionou e de aí deita unha eiva que aínda padecemos. Se Piñeiro se equivocou ao non
reactivar ao Partido Galeguista no momento axeitado, non foi el o único que cometeu erros: outros
tamén se equivocaron antes e despois. Se non, non se explica a actual composición do noso
Parlamento.

Pero de todas as angueiras de Piñeiro, este 17 de maio debemos reparar, máis ca nunca, no seu
compromiso auténtico coa lingua. É a el a quen lle debemos a xestión política para que a Lei de
normalización lingüística fose aprobada por unanimidade, un logro que nestes tempos de acoso ao
galego vemos aínda máis valioso. Por iso subscribimos as palabras deste labrador de Láncara que
se converteu na persoa máis influente de Galicia cando dixo que “somos un pobo dotado dunha
lingua e, polo mesmo, dunha cultura. O noso destino -a nosa responsabilidade- é cultivala e
ofrecerlle os seus froitos orixinais ao patrimonio cultural humano”.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: