Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Manterá xuntanzas con Blanco e Salgado

Feijoo pregunta polos dous mil millóns que lle correspondían a Galiza nos Orzamentos do Estado

Tamén prometeu "as máximas garantías nos dereitos dos traballadores", a pesar de crear medidas para axilizar a burocracia dos ERE.

Redacción - 08:00 29/04/2009
O presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijoo

O presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijoo

A dous días do primeiro de maio, e após as declaracións da súa conselleira de Traballo, o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijoo, garantiu que "se han manter as máximas garantías nos dereitos dos traballadores" aínda que se leven a cabo medidas para reducir a burocracia nos expedientes de regulación de emprego (ERE).

Na conferencia de prensa posterior ao primeiro Comité de Dirección do PPdeG após a formación do novo Goberno, asegurou que "os dereitos dos traballadores estarán sempre presentes en calquera cousa" que faga a Administración galega en relación con estes expedientes. Deste xeito, o líder dos populares galegos comparou a eliminación de carga burocrática coa redución dos tempos de espera sanitaria e concluíu que isto non significa "reducir dereitos" aos pacientes. Tras volver insistir no tema, solicitou "responsabilidade" a "todos" para ser conscientes de que "sen traballadores non hai empresas e sen empresas non hai traballadores".

U-los dous mil millóns dos orzamentos xerais que o Estado lle había dar a Galiza
Por outra banda, o máximo mandatario galego respondeu a preguntas sobre o financiamento, e avanzou que pretende convocar "esta semana" unha xuntanza cos grupos parlamentarios, co fin de chegar ao consenso chave en Galiza, que poida trasladar ao presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero. Con Zapatero, segundo contou, xa mantivo "contactos" a pasada semana e confiou en poder "encaixar axendas" para despachar con el "durante o mes de maio", consciente de que nestas datas se ha desenvolver o debate sobre o estado da nación.

Feijoo reunirase esta cuarta feira co rei español no Palacio da Zarzuela, en Madrid, para seguir pechando "todos os contactos institucionais" nos seus primeiros cen días de goberno. Na súa axenda tamén figuran futuras xuntanzas co ministro de Fomento, o ulloán Xosé Blanco, e coa vicepresidenta económica, a ourensá Elena Salgado, que estarán encamiñadas a abordar "unha cuestión obxectiva e constatábel": que un total de dous mil millóns de euros, recollidos nos Orzamentos Xerais do Estado para o noso país "non se executaron", e, segundo dixo o presidente galego, "isto non se pode esquecer".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: