O xurado distinguiu o libro de poemas 'Hordas de escritura' e o ensaio 'Europa, o continente pensado'.
Camilo Nogueira é columnista en Vieiros
Chus Pato, na modalidade de Creación Literaria, e Camilo Nogueira, na de Investigación e Ensaio, veñen de gañar a XXIV edición do Premio Losada Diéguez. O fallo do premio, dotado con seis mil euros por categoría, foi dado a coñecer este sábado no Concello do Carballiño.
O xurado composto por Fernández Rei, Justo Beramendi, Xosé Luís Valladares, Cipriano Xosé Caamaño, Ramón Lorenzo, X. Henrique Costas e Carlos Paulo Martínez Pereiro, sinalou o libro de poemas Hordas de escritura, de Chus Pato, como a mellor obra literaria publicada o ano pasado: “Trátase dun poemario que sobrancea pola súa explosiva orixinalidade, unha proposta poética dunha Chus Pato madura e sempre fresca, onde os versos poderosos se debullan nunha nova aposta sólida e ben traballada; con mesturas de xéneros e temas xa enxergadas nos seus últimos poemarios”, reza a acta.
O mesmo xurado distinguiu a Camilo Nogueira polo libro Europa, o continente pensado. Segundo o fallo, a obra “aborda con rigor documental e fondura analítica o novo marco económico e político supra-estatal que condiciona a xénese e o tratamento de problemas decisivos para o presente e o futuro de Galiza”.