Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Mapa de zonas "aptas"

O goberno español ábrelle a porta á eólica mariña

O Ministerio de Industria sinala as áreas marítimas onde autorizaría estes muíños, que se autorizarían directamente desde Madrid.

Redacción - 09:00 21/04/2009

Habería voz pero non voto. Tal é o marco lexislativo actual que, en principio, permitiría que o goberno español decidise sobre as peticións que as empresas promotoras do sector eólico realizasen no seu caso ao respecto da posíbel ubicación de muíños de produción de enerxía eólica nalgún punto fronte ás costas do país.

O Ministerio de Industria revelou este luns o Estudo estratéxico ambiental do litoral español, onde se sinalan as zonas nas que poderían despregarse os muíños. No caso galego quedarían estritamente vetados para o aproveitamento eólico o interior das rías, o contorno do Parque das Illas Atlánticas, as reservas marítimas d'Os Miñarzos e Cedeira e unha ampla zona fronte á Costa da Morte. Así e todo, o resto da costa aparece baixo o epígrafe de "zona con condicionantes" e só dúas áreas nas estremas do país con Asturias e Portugal aparecen declaradas como especialmente aptas para a colocación dos muíños da chamada "eólica offshore". Así, no conxunto do Estado, as zonas máis recomendadas polo ministerio para este negocio aparecen no litoral mediterráneo andaluz, as Illas Baleares ou a Costa Brava, entre outros.

Tal e como lles temos contado en Vieiros, en Galiza a posibilidade de instalación dos muíños bate de momento con dificultades técnicas e elevados custos económicos, debido á profundidade das zonas onde se chantarían os muíños e o desenvolvemento aínda en fases iniciais das tecnoloxías baseadas en plataformas aboiantes. Ademais, os grupos parlamentarios votaron, unanimemente, na última lexislatura, unha iniciativa de rexeitamento da instalación da eólica mariña no litoral galego.


2.25/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: