Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Di que primará medio ambiente e territorio

Hernández admite estar "preocupado" por recibir tres carteiras do bipartito

Garante "dedicación" e "máximo esforzo" para cumprir as promesas electorais e para que a sociedade "non note o cambio".

Redacción - 18:15 20/04/2009
Agustín Hernández, con Núñez Feijoo, durante a súa toma de posesión (clic para ampliar)

Agustín Hernández, con Núñez Feijoo, durante a súa toma de posesión (clic para ampliar)

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, recoñeceu este luns que está "preocupado" por recibir tres carteiras do anterior Goberno bipartito, das que, segundo dixo, primará a protección do medio ambiente e a ordenación do territorio sobre "calquera outra circunstancia".

"Sinto un alto grao de responsabilidade e preocupación polo reto que teño ante min", confesou ao rematar o traspaso de poderes cos conselleiros saíntes de Política Territorial, Medio Ambiente e Vivenda, aos que visitou nos seus respectivos despachos.

En primeiro lugar, Hernández foi recibido pola ex titular de Política Territorial, a socialista María Xosé Caride, coa que mantivo a reunión máis prolongada no tempo, unha media hora aproximadamente, porque, xustificou, o traspaso de poderes incluíu "moita información".

Posteriormente, dirixiuse ás dependencias do anterior departamento de Medio Ambiente, en San Lázaro, xunto ao conselleiro saínte, o socialista Manuel Vázquez, a quen tamén lle agradeceu a súa "dedicación" a Galiza na pasada lexislatura.

Finalmente, acudiu á xa antiga Consellaría de Vivenda, onde a titular saínte, a nacionalista Teresa Táboas, informouno sobre a situación dos principais asuntos en tramitación.

O programa electoral como referente

Tras concluír o traspaso de poderes, Hernández apostou por "empezar a traballar" antes de se posicionar sobre asuntos concretos vinculados con as diferentes áreas, como o Plan do Litoral ou a revisión das Normas do Hábitat, anunciada polo PPdeG na campaña das autonómicas, aínda que asegurou que a súa "formulación diaria" neste e noutros temas terá como referente o programa.

Na mesma liña e logo de ser preguntado polo expediente que se lle abriu no último Consello da Xunta bipartita, remitiu ás declaracións efectuadas nas últimas semanas.


2.14/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: