Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'A DESAPARICIÓN DA NEVE'

Rivas volve á poesía 'na procura do maletín de Walter Benjamin'

Presenta os seus poemas en galego, castelán, euskera e catalán, nunha edición que inclúe un cd no que o de Montealto le ao son de Pulpiño Viascón.

Marcos S. Pérez - 20:00 15/04/2009

Engadir á relación de efectos subtraídos (...) a Walter 9mm. do capitán Líster e a pluma de Machado/ o maletín de Walter Benjamin/ o xersei de la vermella do prisioneiro Gurkanov en Kolimá/ os dentes da infancia de Ángel González/a espiga que medraba na man de Maruja Mallo. É un fragmento so poema 'O subtraccionismo', unha "antivangarda", para Rivas, unha lista aberta de elementos roubados, como roubado foi o sentido de moitas palabras. Rivas sabe, como Van Dijk, a ideoloxía que reside na linguaxe e na vitoria que supón impoñer o sentido das verbas.

"O gran lema dunha cultura crítica sería 'Temos que atopar o maletín de Walter Benjamin'", aquel que o filósofo marxista, que "decidiu morrer" en Portbou acosado por nazis e colaboracionistas franceses, consideraba máis importante que a súa propia vida. Rivas regresa á poesía seis anos despois de Do descoñecido ao descoñecido cunha obra que recolle a súa produción recente, uns corenta poemas que aparecen publicados en Alfaguara nas catro linguas do Estado.

En A desaparición da neve (Alfaguara) Rivas asume o que el entende como "responsabilidade da cultura", procurar un "xiro copernicano" do "mal de ollo" que sofre "a ollada que a sociedade ten sobre moitos asuntos, por exemplo a pluralidade, e sobre todo a pluralidade de linguas, entendida como un mal e non unha riqueza". Na presentación do libro en Galiza, despois de que o martes o fixera en Madrid, Rivas denunciou novamente o "pensamento túzaro" imperante no Estado nos últimos tempos. É por iso que o carácter cuatrilingüe do libro quere funcionar como símbolo, como "poema de poemas". "As linguas deben estar en contacto carnal", concluíu.

Rivas reclámase como 'pel vermella', xornalismo e literatura 'indie' e india, máis aló da fronteira, e probándose a levita de Charlot, avanza con ese camiñar simultáneo, cun pé na razón e outra no desexo, no amor e na morte, na casualidade e na causalidade. Walter Benjamin dicía que paga a pena facer historia para buscar faíscas de esperanza. "Eu quedo con esas faíscas de esperanza", di.

A edición inclúe un cd no que Rivas recita catorce dos poemas do libro, acompañado pola música de Pulpiño Viascón e César Morán. Son poemas combativos algúns, e poemas líricos outros, inzados "dunha saudade exenta de tristura", dedicados a persoas vivas ou que xa nos deixaron, como Marcos Valcárcel (Existe outra saudade/ Existe o tren onde viaxa unha saudade/ desposuída), Lois Pereiro (En Ítaca estaban todos mortos), Avilés de Taramancos (Os homes falaban con bocados de fume (...) Había mulleres que pronunciaban cores) ou Antón Mouzo (Quería que os seus cadros fosen felices/ Ou máis ben/ portadores dunha saudade desposuída/ de tristura/ Talvez por iso o primeiro que reparou/ foi as cordas dos violíns).

Escoita aquí tres dos poemas do libro-cd

Alalá:


Mayday:


Toque de oración:



"Nos medios de comunicación galegos a nosa literatura segue a ser algo exótico" (Entrevista de M.Rivas en Vieiros en novembro)


5/5 (33 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Rivas fala sobre a poesía

'O subtraccionismo'

Presentación do libro, este mércores no Consello da Cultura. Manuel Rivas e Henrique Monteagudo
Presentación do libro, este mércores no Consello da Cultura. Manuel Rivas e Henrique Monteagudo