A senadora por Pontevedra Dolores Pan explicou a negativa á moción argumentando que esta medida "incrementaría o gasto e a burocracia".
Dolores Pan, senadora do PP por Pontevedra
O grupo do PP no Senado rexeitou este martes, na Comisión de Sanidade e Consumo, unha moción coa que se pretendía que os exames para Médico Interno Residente (MIR) se puideran realizar, ademais de en castelán, nas outras linguas oficiais do estado (galego, catalán ou éuscaro). O grupo do PP votou en contra, despois de amosarse a favor na primeira intervención, segundo explica o senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza.
Bouza explicou que, tal e como recolle a acta, a voceira do PP e senadora por Burgos, María Begoña Contreras, amosouse favorábel á moción na primeira intervención, mais despois o seu partido virou de opinión. Neste caso foi Dolores Pan, senadora por Pontevedra, a encargada de tomar a palabra para explicar esta mudanza de idea, argumentando que a aplicación da moción "incrementaría o gasto e a burocracia".
Pérez Bouza considera "curioso" que esta negativa se produza nunha comisión (a de Sanidade e Consumo), na que o PP ten tres senadores galegos, sendo unha senadora do país a encargada de xustificar o cambio de opinión. Para o senador nacionalista esta variación de postura explicase nas "presións que lle impón a nova política lingüística do PP de Galiza en contra do idioma galego".
A moción fora presentada conxuntamente polo grupo de CiU e a Entesa Catalana de Progrés (na que están PSC, ERC, ICV e EU) e estaba apoiada polo grupo do BNG.