Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ENTREGA SÓ UNHA TERCEIRA PARTE DO GAS PREVISTO

A Reganosa non lle saen as contas

Os opositores á planta denuncian as intencións da regasificadora de, así a todo, duplicar a súa capacidade.

Redacción - 10:10 29/03/2009

Despois dun ano de funcionamento, a planta de gas instalada no interior da ría de Ferrol está fornecendo apenas a terceira parte da previsión de demanda que se recollía no informe de abril de 2002 da Comisión Nacional da Enerxía, clave para que o Goberno central emitise a Autorización Administrativa Previa para a súa posta en marcha. Así o denuncian os grupos críticos coa polémica planta de gas. Segundo o proxecto inicial, a regasificadora debería estar fornecendo á rede 2.500 millóns de metros cúbicos de gas ao ano (cifra que despois pasou a ser de 3.500 millóns). 1.600 millóns pertencerían aos ciclos combinados das Pontes e Sabón, 500 millóns serían para as industrias químicas do grupo Tojeiro e 400 millóns serían para os consumidores convencionais de Galiza.

Porén, até o momento non se construíu en Sabón nin un só grupo de Ciclo Combinado, dos catro que estaban programados; ademais, as industrias químicas do grupo Tojeiro non se materializaron; e finalmente, os dous grupos de Ciclo Combinado das Pontes apenas funcionan, debido a que é máis caro producir electricidade con gas natural que con carbón.

En consecuencia, se só temos en conta o consumo de Galiza (obxectivo único segundo a solicitude de instalación) a planta apenas evacuou o 28,6% do gas proxectado en todo o ano 2008. Se temos en conta o gas "exportado á meseta" este cociente foi do 33%. En total F-CAE, o colectivo universitario opositor á planta, calcula que a planta exportou uns 1000 millóns de metros cúbicos de gas no 2008 (600 para consumo convencional e 400 para as centrais térmicas), aos que habería que sumar un 850 millóns máis de fornecemento para a rede española. Mesmo con este dato, a planta ficaría moi lonxe da produción prevista; ademais, a regasificadora de Mugardos non se autorizou para acadar este obxectivo de subministrar gas ao resto do Estado.

F-CAE afirma a este respecto que "non entendemos as razóns de querer forzar á administración a unha ampliación costosísima do gasoduto á meseta cando non é necesario nin para 'exportar' o gas nin para recibilo. Tampouco entendemos as razóns para duplicar a capacidade de regasificación da planta dados os resultados operativos antes expostos e o dobre dano que produciría ao ecosistema da ría debido ao tipo de regasificación empregado (circuíto aberto) mediante auga de mar, pois se necesitarían circular aos regasificadores 600.000.000 de litros de auga fría ao día e impregnada con hipoclorito sódico".


4,64/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: