Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
INVESTIGACIÓN ABERTA

Unha fundación de carácter ambiental creada por Cacharro realizou talas masivas de árbores

Logo de recibir 2'3 millóns de euros nun inicio e outros 170 mil euros anuais do goberno provincial, na actualidade está a piques do embargo.

Redacción - 19:00 25/03/2009

A denuncia xorde do actual goberno da Deputación Provincial de Lugo, que abriu unha investigación para aclarar as supostas irregularidades económicas e ambientais. A Fundación do Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galiza fora creada en 2003, polo anterior presidente da Deputación, Francisco Cacharro (PP), e polo entón conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro.

Dende entón, a chegada de cartos dende estas dúas administracións foi continua: no momento da súa constitución fíxose cargo de 200 hectáreas de terreos en Monforte de Lemos valorados en 1,8 millóns de euros e recibiu outros 2,3 millóns entre as achegas do goberno provincial e do da Xunta de Galiza. Aínda máis, a fundación recibiu anualmente 170 mil euros da Deputación e do Goberno galego, á marxe doutras achegas económicas pola realización puntual de cursos ou obradoiros.

Malia estas importantes axudas económicas, que mesmo continuaron co actual executivo bipartito da Deputación aínda que en menor contía (30 mil euros en 2008), a Axencia Tributaria comunicou o inicio do embargo contra a Fundación. Ante esta situación, o presidente provincial, Xosé Ramón Gómez Besteiro (PSdeG) decidiu iniciar unha investigación que aclare o destino dos cartos recibidos até o de agora: "En que gastaron e como se están a xestionar as contas? Están a cobrar os traballadores?" preguntou, ao tempo que asegurou que "non podemos ingresar nin un euro máis até que sexa aclarada esta grave situación económica".

Ademais de desfalco económico, desastre ambiental
Doutra banda, Besteiro presentou probas fotográficas que avalan a deforestación progresiva que transformou a paisaxe "varrendo literalmente as árbores sen ningún tipo de explicación". O presidente provincial pide unha aclaración: "Como é posíbel que unha fundación de carácter ambiental se adique á tala masiva?". Ademais, tamén denuncia que as pistas están nun estado absoluto de abandono, sen que o Padroado execute os traballos que lle corresponden.

Así as cousas, a Deputación requiriu información á propia fundación, quen reaccionou presentando unha denuncia perante a Fiscalía polo suposto incumprimento na entrega da súa achega económica anual de 2008 e alegando que o comportamento do goberno provincial lesionaba os seus intereses. En resposta, Besteiro explicou que se solicitou información á Consellaría de Medio Ambiente (que é o Protectorado que lle corresponde) que actúe de xeito inmediato e que remita a Lugo o resultado dos informes e a documentación que teñan ao respecto.


Ligazóns

4,83/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A Fundación debería encargarse do coidado dos terreos anexos ao Pazo de Tor (na foto), que lle foron cedidos pola Deputación
A Fundación debería encargarse do coidado dos terreos anexos ao Pazo de Tor (na foto), que lle foron cedidos pola Deputación
O presidente provincial, Xosé Ramón Gómez Besteiro, anunciou a apertura dunha investigación
O presidente provincial, Xosé Ramón Gómez Besteiro, anunciou a apertura dunha investigación