Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Todos os detalles do 1M

Por primeira vez poderemos coñecer os resultados electorais a través do móbil

Máis de 2,6 millóns de persoas están chamadas ás urnas. As mesas mandarán os resultados a través de PDA, por primeira vez, para axilizar o escrutinio.

Redacción - 11:45 28/02/2009
As mesas dos municipios de máis de 24 mil habitantes enviarán os resultados do escrutinio por PDA / Flickr: vargapeter

As mesas dos municipios de máis de 24 mil habitantes enviarán os resultados do escrutinio por PDA / Flickr: vargapeter

A Xunta mandou un comunicado este sábado no que lle lembra aos galegos e galegas que, por primeira vez nunhas eleccións no noso país, poderán solicitar o envío ao móbil, vía SMS, dos avances e os resultados do escrutinio provisional do ámbito que desexe: provincial ou nacional.

Para os usuarios que soliciten antes do domingo este servizo, os datos enviaranse na constitución das mesas electorais, no reconto de participación até o mediodía, no reconto até as 17:00 horas e ao chegar ao 25, 50 e ao cento por cento do escrutado. As mensaxes conterán información relacionada coa porcentaxe do escrutinio, coa da abstención e o número de cargos obtidos por cada candidatura nun formato sinxelo, terá un formato sinxelo e de fácil lectura, e o seu custe será o dun SMS ordinario. Para consultar os números aos que se deben enviar as mensaxes para darse de alta e outra información detallada, pódese visitar a web das Eleccións.

Ademais do móbil, a PDA tamén ten o seu papel nestes comicios, xa que cada unha das mesas electorais dos municipios de máis de 24 mil habitantes posuirá un destes aparellos, a través do que transmitirán os datos de que dispoñan aos centros de recepción, de tal xeito que o proceso hase axilizar moito, e reducirase o risco de que se cometan erros humanos. Trátase dun método máis fiábel xa que, se houbese algunha incorrección no cadro de datos, a PDA detéctaa e obriga á súa corrección antes de realizar o envío.

Máis de 2,6 millóns de persoas chamadas a votar
Este domingo votarán por primeira vez 92.110 mozos e mozas que non tiveron dereito a sufraxio en 2005. Estes novos votantes únense a unha cita electoral á que están convocados 2,6 millóns de galegos e galegas. Destes dous millóns e pico de cidadáns, o 87,3% residen en Galiza, e o 12,7% fan parte do censo de residentes ausentes, o da emigración.

Destes 2,6 millóns de persoas con dereito a voto, 72 solicitaron o voto en braille, o que supón máis do duplo que nos comicios estatais de 2008, os primeiros nos que os cidadáns invidentes puideron exercer o seu dereito a voto con total privacidade.

Por outro lado, un total de 252 persoas que residen no exterior de forma temporal pediron o sufraxio a distancia. Tamén é a primeira vez que se pode realizar este trámite para unhas eleccións galegas. Moitos dos solicitantes son estudantes que se atopan no estranxeiro cunha bolsa Erasmus. A estas persoas hai que sumarlles as 38.593 persoas que pediron o voto por correo, un 25% menos que en 2005.


3.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: