Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Galiza2009

Aturuxo rexeita a utilización partidista do colectivo LBGT

O presidente de 'Milhomes' decidiu premiar a Feijoo, amosando a súas preferencias políticas, unha actitude que sancionan dende a Federación.

Redacción - 18:00 20/02/2009
Imaxes do Día do Orgullo 2009 / Aturuxo

Imaxes do Día do Orgullo 2009 / Aturuxo

A finais da semana pasada o colectivo de gais, lesbianas e transexuais da Coruña, Milhomes, anunciaba a concesión, nunha edición especial, do Premio Marcela e Elisa ao candidato do PPdeG á presidencia da Xunta, Alberte Núñez Feijoo, por participar no casamento homosexual de José Araújo, edil de Ourense.

Naquela altura, o presidente do colectivo, José Carlos Alonso, indicou que tiña elixido a Feijoo "polo seu apoio á voda homosexual" do concelleiro ourensán, e sinalou que o premio se adiantaba este ano -normalmente entrégase a primeiros do mes de xuño-, porque o seu colectivo pretendía "facer balance da lexislatura en materia de dereitos de gais, lesbianas e transexuais" e denunciar, "de paso", o "mal trato da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, que dirixe Anxo Quintana (BNG), cara estes colectivos".

"Queremos manifestar o noso rexeitamento a calquera tipo de manifestacións lesbigaitransfóbicas"
Porén, estas declaracións partidistas non gustaron nada na Federación Aturuxo, entidade conformada por Mulleres lésbicas e bisexuais da Galiza (BOGA); o Colectivo Gai de Compostela; TransGaliza; a Asociación de Gais, Lesbianas e Transexuais de Ourense (AGLET); Nós Mesmas, de Vigo; e Panteras Rosa Galiza.

Esta sexta feira a Federación emitiu un comunicado (en .pdf) no que sancionaban as declaracións feitas por José Carlos Alonso, en nome do colectivo coruñés Milhomes, extinto, segundo contan, "en xuño do ano 2005". Para Aturuxo, a intención de Alonso manifestar "a súa persoal preferencia política e a súa vinculación co Partido Popular", polo que, segundo din, "vense na obriga", como colectivo, "de aclarar que esta postura non é compartida polo groso do movemento LGBT galego". "Consideramos necesario dar unha resposta a esta persoa, que se ten apropiado deste valioso referente literario galego para se designar a si mesmo e as súas preferencias políticas e intereses persoais", continúan.

A seguir, dende Aturuxo lembran que non poden "esquecer o recurso que o PP mantén contra o casamento homosexual e o seu posicionamento claro e expreso contra esta reforma", polo que volven manifestar o seu rexeitamento fronte "a calquera tipo de manifestacións e actitudes lesbigaitransfóbicas, vulneradoras do dereito á igualdade, perpetuadoras do sistema patriarcal e que rexeiten e discriminen as persoas por mor do súa orientación e/ou identidade sexual". Nesta liña, lembran que en 16 anos de goberno do PPdeG, os colectivos LGBT "tiveron vetada a entrada na Xunta" e fóronlles "denegados sistematicamente" os proxectos presentados. Alén disto, aínda engaden que "se a asistencia a unha voda é o mellor que o PP galego pode facer polos dereitos das persoas lésbicas, gais, bisexuais e transexuais de Galiza, consideramos que nin están capacitadas/os nin teñen intención de enfrontar políticas sociais de igualdade".
A seguir revelan que nesta lexislatura que termina "por primeira vez", a comunicación entre a Federación Aturuxo e o Goberno tivo "resultados positivos".

Por último queremos subliñar a independencia das asociacións LGBT asinantes e o rexeitamento a calquera tipo de manipulación da nosa loita con fins persoais e partidistas.


Ligazóns

4.88/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: