Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
MANUEL MARTÍN

"Cómpre destinar máis financiamento á sanidade, hoxe insuficiente"

O voceiro da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública explica para Vieiros as prioridades que, na súa opinión, debería acometer o goberno que saia do 1M

Redacción - 09:30 18/02/2009

Afondar na modernización do noso sistema sanitario e revalorizar o seu carácter de servizo público como mellor alternativa á crise do actual modelo de mercado. Estes son os eixos sobre os que, para Manuel Martín, debe sustentarse a política sanitaria do goberno que saia das urnas nos vindeiros comicios electorais. En resumo e na súa opinión, estes serán os grandes retos que se deberán afrontar na vindeira lexislatura:

  1. Mellora do financiamento sanitario: se ben o orzamento adicado á sanidade mellorou nos últimos anos (+36%), ese incremento foi insuficiente para reducir o déficit que padece a sanidade pública galega.
  2. Avances na Atención Primaria: cómpre continuar co Plan de Mellora da Atención Primaria, elaborado coa participación de todas as organizacións. Neste eido son necesarias medidas para acabar coa súa pouca capacidade resolutiva, reducir as cotas de médicos e persoal de enfermería e mellorar a racionalidade dos procesos asistencias reducindo a burocracia.
  3. Introducir criterios de racionalidade nas urxencias. O actual modelo fai que as urxencias hospitalarias estean colapsadas, un problema que se podería resolver dotando á Atención Primaria do equipamento necesario. Os Puntos de Atención Continuada sitúanse en moitas ocasións en función intereses políticos, absorben preto do 25% dos médicos do sistema e só atenden ao 6% da demanda.
  4. Afondar no carácter público do sistema sanitario. Malia que xa pechou o MEDTEC e as súas funcións foron asumidas por unha nova empresa pública, GALARIA, os seus estatutos manteñen a posibilidade de utilizala para xestionar centros sanitarios e mesmo para construílos en colaboración co sector privado. Será un reto para o novo goberno darlle o impulso definitivo ao remate deste tipo de prácticas.
  5. Participación cidadá. O novo goberno deberá promover órganos que permitan unha maior implicación da cidadanía na planificación e no control do sistema. Se ben xa se constituíron os Consellos de Participación, hai que profundar tamén neste eido.
  6. Gasto farmacéutico. Aínda que non é unha competencia propiamente da Xunta de Galiza, serían necesarias políticas que derivasen nunha maior racionalización deste gasto (a terceira parte dos custes sanitarios) e que contivese a presión que sobre os profesionais fan as industrias do sector.
  7. Persoal. Precísase unha política de persoal racional e incentivadora, que valore as achegas dos profesionais e castigue os seus erros. Asemade deberán incorporarse novos traballadores, especialmente na Atención Primaria.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: