Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Galiza2009

Prioridades fronte á crise: algunha idea xenial para o 2M?

Inercia e evasivas desde Economía. Silencio e inacción desde Industria. Dispersión belixerante na oposición. Fronte ao escenario de crise económica, agoiro incluído de recesión tamén en Galiza, as iniciativas das formacións políticas ao respecto serán clave nos debates até o 1M.

R. Noguerol - 19:00 05/02/2009
Tags:

"A situación non é boa". Até aí concede o conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, en conversa con Vieiros, ao respecto do escenario económico, insistindo na argumentación do "plus de resistencia" de Galiza fronte á crise. Teima en defender o conselleiro que a Xunta actuou máis velozmente no recoñecemento e na adopción de medidas fronte á crise respecto á actitude amosada por outras administracións, nomeadamente o goberno español, que negou tal estremo durante meses. Pero con todo, e en plena escena preelectoral, evita Fernández Antonio afondar no esquema de traballo posíbel e non aclara cal debera ser a potencial reformulación do conxunto de iniciativas que, no marco da súa capacidade de acción, podería esgrimir a Xunta fronte á crise. Máis tímida é a resposta desde a Consellaría de Industria, cuxo responsábel renunciou a explicar para Vieiros a posición do seu departamento diante da crise. Coa poza económica acaparando as portadas e diversos departamentos expoñendo o seu conxunto de medidas anticrise, o departamento de Industria atravesaba o escenario mantendo as inercias da consellaría e sen novidade específica ningunha fronte á crise.

Paradoxalmente, a reacción inicial do PPdeG foi teimar en que o Executivo obstaculizara a presunta tendencia económica positiva impulsada durante a anterior etapa de goberno, concedendo apenas que os erros que puideran ter cometido os gobernos populares previos terían sido "recollidos e agrandados" por PSdeG e BNG. No marco desa estratexia, o último pleno de orzamentos resolveuse no Parlamento cun escaso debate real acerca de propostas concretas, saíndo adiante o proxecto avalado por socialistas e nacionalistas sen ningunha achega da oposición parlamentaria e co PP botando man de argumentarios moi similares aos que, na crítica ao Goberno, xa manexaba os dous anos anteriores cando aínda non se falaba de crise.

Acumúlanse as cifras negativas na porta do 1M
Ao tempo que os electores acudan ás urnas o próximo 1 de marzo cumprirase case que un ano desde que o Instituto Galego de Estatística fixese públicos os datos de crecemento da economía galega en 2007. Daquela e segundo coñeciamos en marzo de 2008, a economía do país medrara un 4% o ano anterior, dúas décimas por riba da media estatal. Daquela era o sector da construción o que rematara exercicio coa mellor evolución (4,3% de incremento) e o propio sector industrial cerraba ano a un ritmo do 4% (ben é certo que xa significativamente por baixo do 4,7% de crecemento do exercicio anterior).


A propia cita electoral quedou fixada desta volta para apenas uns días antes de que se coñezan novos indicadores económicos que se agoiran pouco afagadores para o balance do país. Por riba, a propia Xunta renunciou a actualizar as súas previsións de crecemento en tempo preelectoral, malia a avaliación pesimista que para o conxunto do Estado trasladaba a propia Comisión Europea. No que lle toca ao desemprego, a evolución en 2008 deixaba a taxa nun 9,74%, 189 mil persoas no paro, un aumento de 32.500 en 2008, un 33,6% máis ca o ano anterior, así e todo, unha das menores a nivel estatal.

O mes de febreiro comezaba ademais en Galiza con máis datos pesimistas ao respecto da dinámica empresarial, con balance da creba de dúas empresas cada día no último trimestre. Unha evolución que racha cunha das prioridades de administración e axentes socioeconómicos, que sinalan a importancia de manter o tecido empresarial o máis intacto posíbel, aínda que reduza actividade e beneficios, co obxectivo de garantir unha saída máis rápida do pozo económico no momento en que a conxuntura mellore. Ao fío, desde o contorno empresarial, advirten tamén da ineficacia polo momento na atención aos problemas de crédito dos empresarios, situación que mesmo estaría lastrando algún dos sectores máis dinámicos e que zoupa especialmente no emprendemento.

O posicionamento das principais formacións políticas diante deste escenario é fundamentalmente o de suxerir viraxes estratéxicas máis a longo prazo e con diferentes graos de ambición. Xa que serán obxecto de análise posterior, fixámonos agora nas iniciativas concretas máis a curto prazo.

SE CAMBIA O GOBERNO

Na procura do poder, o PPdeG fíxase unha axenda de cinco eixos no ámbito económico a desenvolver desde un punto de vista estrutural: impulso da competitividade, a apertura da economía do país, dotación de infraestruturas de transporte, sustentabilidade, modernización "equilibrada" de todos os sectores produtivos e reforma da administración. Á beira, e como prioridades inmediatas e concretas a poñer a andar desde o 2M, os populares propoñen entre outros o alivio fiscal para as familias hipotecadas (incremento da deducción por vivenda do 15 ao 25%: aforro medio de 800 euros/ano por familia), a contención do gasto público (sacar 120 millóns a partir dun plan de redución de burocracias na administración), e axudas diversas a autónomos e pemes (por exemplo, incremento do 5 ao 8% da porcentaxe de provisións e redución á metade do prazo para recuperar o IVE de facturas). Suxiren tamén unha rebaixa todo tipo do imposto de sociedades para as pemes, que quedaría nun 20%.


SE CONTINÚA O PACTO DE GOBERNO

Na axenda do 2M do PSdeG aparece como destaque para a loita fronte á crise a idea de "recuperar a confianza" dos consumidores. Deseguido, os socialistas salientan a necesidade de inxectar liquidez no escenario empresarial para asegurar que a actividade e as iniciativas non quedan freadas. O desenvolvemento do "acordo pola competitividade" é outro eixo destacado, como ferramenta ademais de consenso e interlocución con sindicatos e empresariado para o diagnóstico e atención áxil dos sectores en problemas. A redución de cargas administrativas para as pemes e a creación dun fondo para o impulso de microempresas especialmente por parte de parados, son outras iniciativas subliñadas.

O déficit de crédito é tamén unha preocupación clave no programa económico do BNG que, xa en precampaña, insiste na idea dun "ICO galego" como ferramenta clave contra a crise. Un "Instituto de Crédito Oficial Galego" coa función de asegurar que o crédito chega a familias e empresas. Á beira, os nacionalistas propoñen tamén a instauración dun "complemento autonómico" para as prestacións por desemprego, que achegue as axudas aos parados galegos á media estatal, medida para a que orzamentarían 50 millóns de euros.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: