Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Restándolle poder a Xunta e concellos

Iniciativa do PP en favor do control das caixas desde Madrid

Rajoy confirmou que o seu partido achegará no Congreso, e coincidindo coa precampaña en Galiza, unha proposición para a modificación da lei das caixas de aforros.

R.N - 11:30 20/01/2009
PP e PSOE poderían consensuar a reforma da lei de caixas

PP e PSOE poderían consensuar a reforma da lei de caixas

A limitación da voz do Goberno en Caixa Galicia e Caixanova sería unha das consecuencias prácticas da iniciativa avanzada esta semana en Madrid polo presidente do PP, Mariano Rajoy, canda a secretaria xeral do seu partido, María Dolores de Cospedal. Rajoy e Cospedal fixeron público un borrador da proposición de lei a través da cal o PP quere limitar o poder dos gobernos autonómicos nas caixas de aforros.

O PP vai levar a proposta ao Congreso o próximo mes de febreiro coa intención de reducir a capacidade de influencia dos gobernos autonómicos na xestión das caixas. A posibilidade actual da Xunta de ter até un 50% de representación nos órganos de xestión, alén da propia representación municipal, quedaría así limitada, con probabilidade, a un máximo dun 50% en conxunto de todas as administracións públicas.

Fusións que poden escapar á estratexia de país
A suxestión vai de feito na liña dos recentes movementos no contorno do PSOE, que manexa tamén un esquema para a modificación da Lei de Órganos Reitores de Caixas de Aforros que, por exemplo, mudaría o actual sistema no que respecta á autorización para a constitución, fusión, disolución ou liquidación de caixas e que na actualidade outórgalle ese poder decisorio aos gobernos autonómicos. Neste sentido, un cambio posíbel sería o traslado dese poder ao Ministerio de Economía e o Banco de España. Un movemento que, por exemplo, podería levar a unha autorización futura da fusión de Caixa Galicia ou Caixanova con caixas foráneas sen que a Xunta tivese capacidade na práctica para intervir no proceso. Os últimos movementos insinúan unha posíbel aproximación ao respecto entre os equipos económicos de PSOE e PP.

Unha das primeiras voces en advertir sobre estes movementos chega desde Cataluña, onde Miquel Iceta, voceiro do PSC, advertiu de que o seu partido non aceptará "que se usen problemas de Caja Madrid para que o Estado recupere competencias" en materia de caixas de aforros. Referíase Iceta a un conflito que abrolla por tras dos debate sobre este tema, co tirapuxa actual que manteñen en Madrid o alcalde, Alberto Ruíz Gallardón, e a presidenta da Comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre.


2.33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: