Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
QUINTANA PRESENTOU LISTAS E PROGRAMA

O BNG diríxese a todos os cidadáns, "aos que falan galego e aos que falan castelán"

O voceiro nacional di que a súa formación vai presentar "unha alternativa transformadora, próxima á xente".

Redacción - 18:20 10/01/2009

O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, asegurou esta mañá en rolda de prensa tras o Consello Nacional que esta forza política encara as vindeiras eleccións "dirixíndose a todos os cidadáns galegos, aos que son nacionalistas e aos que non o son; aos que falan galego e aos que falan castelán". "Contamos con todos para pedirlles o seu apoio a unha alternativa nacional, de progreso, de benestar e orgullosa do noso idioma", asegurou. Quintana compareceu acompañado de Teresa Táboas, número 1 pola circunscrición de Pontevedra, Alfredo Suárez Canal (1º por Ourense); Fernando Blanco (1º por Lugo) e Ana Pontón (número 2 pola Coruña).

Segundo Quintana, o BNG vai presentar unha alternativa transformadora, próxima á xente, pensando en facer política para a xente e comprometida co país. "A nosa misión non é xestionar o modelo que nos deixou o PP, senón cambialo. Xa o fixemos durante 3 anos e medio de lexislatura e o que pretendemos é profundar no cambio", asegurou.

Exemplificou ademais a "proximidade á xente" en que "para nós, o nacionalismo é sinónimo de benestar" e reafirmou que "a nosa proposta é unha proposta para o conxunto da sociedade, para os que son nacionalistas e os que non o son". Así, asegurou que en Galiza hai unha maioría social que "independentemente de a quen teña votado sabe que o BNG é unha garantía para a defensa dos intereses do país".

As listas, sen sorpresas
Segundo Quintana, as listas do BNG "son froito dun proceso democrático, de participación, no que os militantes, as compañeiras e compañeiras son os protagonistas da decisión". "Foi un proceso con grande participación nas comarcas, e finalmente estas candidaturas foron aprobadas con case o 85% de votos afirmativos no Consello Nacional, unha porcentaxe similar á recibida nas comarcas"

Como xa anunciara Vieiros, as listas dos nacionalistas estarán compostas polas seguintes persoas:
A Coruña: 1, Anxo Quintana González. 2, Ana Pontón Mondelo. 3, Carlos Aymerich. 4, Ana Luísa Bouza. 5, Fernando Branco Parga. 6, Pura Ferreño Saia. 7, Manuel Antelo Pazos. 8, Dominga Brión Sanmiguel. 9, Xosé Regueira Varela. 10, Rosário Fernández Velho.

Pontevedra: 1, Teresa Táboas Veleiro. 2, Henrique Viéitez Alonso. 3, Carme Adán Villamarín. 4, Bieito Lobeira Domínguez. 5, Carme da Silva Méndez. 6, Xosé Ramón Paz Antón. 7, Montse Prado Cores. 8, Roberto Mera Covas. 9, Iria Aboi Ferradás. 10, Xosé Manuel Méndez Díaz.

Lugo: 1, Fernando Blanco Álvarez. 2, Isabel Sánchez Montenegro. 3, Manuel Parga Núñez. 4, Esther López Rodríguez. 5, Balbino Fernández López. 6, Cristina Ferreiro López.

Ourense: 1, Alfredo Suárez Canal. 2, Tereixa Paz Franco. 3, Iago Tabarés Pérez-Piñeiro. 4, Isabel Gacio Pacios. 5, Anxo Collarte Pérez. 6, Tereixa Devesa Graña.


4,63/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: