Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PP defíneo de "endebedamento ilimitado"

PSdeG e BNG defenden o déficit "controlado" fronte á crise

"Un botín a repartiren entre os dous", acusa o PP a socialistas e nacionalistas no debate de orzamentos.

Redacción - 17:20 16/12/2008
C.Aymerich, X.F.Leiceaga e A.Sueiro

C.Aymerich, X.F.Leiceaga e A.Sueiro

Á porta da convocatoria electoral o Parlamento serve esta semana para as últimas guerras parlamentarias entre os grupos que apoian o Goberno e a oposición do PPdeG. O voceiro en materia económica do grupo parlamentario do PP, Alberto Sueiro, foi ariete este martes fronte ao proxecto de orzamentos deseñado pola Consellaría de Economía.

Segundo a análise do deputado popular, as contas da Xunta implicarán un déficit de até 1.078 millóns de euros o ano que vén, "o dobre do permitido" no marco da lei de estabilidade orzamentaria. O pasado outubro, o Goberno xa avanzara que botaría man do acordo estatal para espremer o déficit até o 1% do PIB, unha porcentaxe que despois se confirmaba nas contas coa previsión de endebedamento por valor de 598 millóns de euros. Explica Alberto Sueiro que esa suma debera incluír tamén os 273 millóns de euros do anticipo sanitario e outros 200 millóns do Igape para a compra de activos diversos, xa que doutro xeito "estaríase xerando débeda sen computala".

Por outra parte, o PPdeG quéixase de que socialistas e nacionalistas non admitisen ningunha das emendas aos orzamentos que presentaban os populares. Recorda Sueiro que o seu grupo apoio até o 70% dos remendos propostos polos grupos parlamentarios de PSdeG e BNG e quéixase de que non houbese flexibilidade negociadora. "Isto é unha anomalía democrática", reprochoulles Sueiro, acusándoos de cambiar os orzamentos que responderían "aos intereses de Galiza" por unhas contas "atadas e ben atadas que reparten o botín entre os dous socios".

"Ler" a crise
"O desafío era optar por un déficit controlado agora ou por un incremento maior do déficit no futuro e ademais incontrolado", advertiu ao respecto Xaquín Fernández Leiceaga, voceiro este martes do PSdeG.

Leiceaga chamou os populares a leren a crise actual correctamente e entenderen que as prioridades "cambiaron" e que a aposta polo mecanismo de déficit contribuirá á loita contra o desemprego a curto prazo. Recordou Leiceaga a previsión de recorte nos ingresos tributarios no contexto actual e insistiu na necesidade da "flexibilidade" orzamentaria estabelecida polo Goberno. Na opinión do deputado socialista, as recomendacións do PP para a modificación do proxecto de orzamentos serían non só "innecesarias" senón tamén "imprudentes".

Na mesma idea incidiu o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, quen acusou o PP de solicitar "rebaixas fiscais para ricos e amigos". Na opinión de Aymerich, o debate vivido este martes no Parlamento foi a contraposición entre o modelo formulado pola Xunta de "servizos públicos financiados polo Goberno e postos a disposición de maiorías sociais" fronte a un modelo suxerido polos populares de "rebaixas para amigos". "O BNG votou en contra do decreto lei estatal de axuda aos bancos, mentres o PP votou a favor e agora pon a lupa porque botemos man do endebedamento para atender os recursos públicos", censurou o deputado nacionalista.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: