Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NOVA DENUNCIA DO COMITÉ CIDADÁN

"Reganosa saquea as contas públicas e escatima á hora de tributar"

O colectivo de Ferrol denuncia a dobre contabilidade que emprega a regasificadora: din que manexa dous orzamentos diferentes co ánimo de defraudar.

Isabel G.Couso - 13:10 07/11/2008

A Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) volverá a ter que decidir sobre supostas ilegalidades en torno á planta de Reganosa. O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol presenta unha nova denuncia, desta volta poñendo o acento nunha dobre contabilidade da regasificadora. Segundo explica o voceiro desta organización, Humberto Fidalgo, a empresa leva presentando dous orzamentos diferenciados dende o ano 2004 até hoxe. Dunha banda teñen unhas contas "autorizadas", que serían as que presentan para o pago de impostos, taxas e obrigas tributarias: estas cifras ascenderían a 190 millóns de euros (cantidade avalada polo Ministerio de Industria). Doutra banda, habería un segundo presuposto, que ascende a 292 millóns de euros, que o que se manexa para as inversións, é dicir, o que presenta cando lles toca recibir as retribucións (ao ser un sector regulado, é o propio Estado o que garante o 100% dos investimentos). En suma, segundo denuncia o Comité, Reganosa está a falsificar as súas contas, cunhas diferencias de até un 75%, para aproveitar a achega económica de recursos públicos. "É un saqueo con todas as letras", di Fidalgo, "parécenos inaceptábel que unha empresa que vive exclusivamente dos fondos públicos escatime cando ten que pagar os seus impostos".

Outras denuncias
A retribución da empresa gasista, regulada por parte do Ministerio de Industria, ascende este ano a 44,5 millóns de euros, o que supón máis de un millón de euros por traballador e ano. O Comité recorda que Reganosa ten na actualidade 40 traballadores, polo que considera estes datos unha dilapidación de cartos públicos, sobre todo nestes tempos de crise.

A terceira reclamación do Comité Cidadán refírese a unhas facturas inexistentes. Segundo denuncian, en 2001, cando o Grupo Tojeiro merca os terreos de Reganosa por 23 millóns de euros presenta á Axencia Tributaria unha factura de 2,3 millóns de gastos de apoio a esa venda. Porén, non existe ningún xustificante sobre o destino exacto que se lle deu a esa cantidade. Daquela a propia Facenda abriu unha inspección, non obstante, semella que quedou paralizada "ao mesmo tempo que tornaron en apoios as críticas dalgúns partidos políticos á planta regasificadora", di Fidalgo. "Sería moi interesante coñecer quen foron os beneficiarios destes 2,3 millóns de euros gastados por Tojeiro, xa que curiosamente coincide no tempo cun cambio radical na postura que certos partidos mantiñan respecto á situación da planta de gas no interior da ría de Ferrol e os apoios que efectivamente comezaron a chegar por aquelas datas".


Ligazóns

4,6/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: