Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"DESPILFARRO"

O PPdeG di que Touriño gastou dous millóns en redecorar o despacho de San Caetano

Asegura que o presidente da Xunta ten "tendencia ao luxo" e engade que ten catro coches, un deles de case medio millón de euros.

Redacción - 17:40 27/10/2008

O PPdeG acusa o presidente da Xunta de gastar máis de dous millóns de euros en acondicionar o seu despacho en San Caetano. Segundo o secretario xeral do partido da oposición, Alfonso Rueda, o novo mobiliario custou medio millón de euros. Porén, non hai datos oficiais, xa que "a Xunta alega motivos de seguridade para non xustificar e detallar cando custaron as instalacións".

Segundo asegura o PPdeG, o gasto débese á "tendencia ao luxo do presidente", que o levou a modificar un despacho que "durante 16 anos si lle serviu a Fraga para gobernar Galiza". "Ao presidente da Xunta gústalle vivir ben e que os que o visiten no seu despacho saiban que así é", engade Rueda.

Outra mostra desa suposta tendencia ao luxo é que "viaxa en coches de 480 mil euros". De feito, o PPdeG asegura que Touriño ten catro automóbiles, tres Audi A8 e un A6, "e non se desfixo de ningún a pesar de que dixo que compraba o novo para substituír un moi gastado", e que en realidade non chegaba aos 200 mil quilómetros, segundo asegura Rueda. Ademais, o novo vehículo "ten a mesma blindaxe do coche oficial de Zapatero, e superior ao do resto de presidentes das comunidades autónomas".

Alfonso Rueda cualifica de "escándalo" que o presidente gaste ese diñeiro na súa comodidade persoal e "nun despacho que apenas utiliza", xa que pasa a maior parte do tempo en Monte Pío. Por iso pide transparencia por parte do Goberno para que detalle os gastos pagados pola Xunta para adecuar o despacho de San Caetano, pois "quixo ocultar o prezo da reforma convalidando a factura da mesma no Consello da Xunta".

Resposta do PSdeG
A secretaria de organización do PSdeG, Mar Barcón, contestou que o problema do PP "é que cren que son os únicos que teñen dereito a un coche oficial e a despacho". Engadiu que "16 años de poder ininterrompido en Galiza lévanos a pensar que todo o contrario é unha usurpación" e pediulle ao PPdeG que explique "o custo da viaxe do presidente da Deputación de Ourense, Xosé Luís Baltar, a Bos aires e Montevideo".

Concluíu que as acusacións de rueda sobre o custo da reforma do despacho de Touriño "son unha mostra máis da inesgotábel demagoxia política na que está inmerso o PP".


2.14/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: