Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Á espera da promesa de Madrid

Sanidade planifica con "burato" para 2009

Touriño cre que o goberno español pagará a débeda sanitaria, malia que a Xunta renunciou a incluír os 241 millóns do anticipo que xa debera ter chegado.

Redacción - 09:25 17/10/2008

O apartado de Sanidade aparece un ano máis como o de maior necesidade de investimento nas contas do Goberno. Son 3.788 millóns de euros os que a Xunta fixou para 2009 no anteproxecto de orzamentos aprobado este xoves. Isto significa un aumento de 149 millóns, o maior en canto a cantidade total aínda que porcentualmente apenas un 3,1% de incremento.

"Medra por riba do PIB, e iso deberíanos permitir mellorar e cumprir co Plan de Atención Primaria", explicaba o presidente da Xunta á saída do Consello de Goberno, indicando que no ámbito deste plan inxectaranse 53 millóns e 45 máis para a atención especializada. De paso, recordaba Emilio Pérez Touriño, o incremento do gasto sanitario comparando cos números do presuposto de 2005, chega ao 33,6%.

Así e todo, a Xunta renunciou a incorporar ás previsións de gasto os 241 millóns de euros correspondentes ao anticipo para financiar a débeda sanitaria que debería ter achegado o goberno español. Insistiu o presidente en que a Consellaría de Sanidade traballa de igual modo coa "hipótese" de que o goberno español trasladará finalmente esa partida económica. Recoñeceu Touriño a incerteza sobre o proceso, toda vez que o inseriu no marco do debate sobre a reforma do actual modelo de financiamento autonómico. O incumprimento de Madrid deixa así un burato no orzamento sanitario que coincide coa necesidade da Xunta de optar por espremer ao máximo o endebedamento orzamentario legalmente permitido.

O PP acusa a Xunta de "tapar" a mala xestión sanitaria
De xeito paralelo, o PPdeG volvía cargar este xoves contra a xestión sanitaria do Goberno, afirmando que existen datos "demoledores" sobre os déficits que neste eido sofre Galiza. "Lamentablemente a situación económica de Galiza é a crise, e a situación sanitaria de Galiza é a crise", diagnosticou Alberto Núñez Feijoo ao respecto.

O líder do PPdeG citou o estado do servizo de Ciruxia Pediátrica no Hospital de Vigo, onde a Xunta fala dunha lista de 285 pacientes, "cando se atopan 626 reais". Tamén se referiu ao servizo de cardioloxía en Vigo, segundo asegurou "tamén colapsado", indicando que a espera media de 90 días "da que fala a Xunta" convérsese "nun ano en moitos casos". "Os pacientes deben ter o dereito a que se lles compute que están agardando", afirmou.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: