Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Dende este luns

O presidente de Guinea Ecuatorial, Teodoro Obiang, podería estar morto

A coalición opositora Demócratas polo Cambio asegura que un alto cargo do entorno presidencial alertou desta posibilidade ou dun "coma irreversíbel".

F. A. - 12:40 14/10/2008
Teodoro Obiang

Teodoro Obiang

Representantes opositores ao goberno de Teodoro Obiang aseguraron que o presidente de Guinea Ecuatorial puido morrer ou entrar nun "coma irreversíbel" na noite do luns. Ademais, baseándose nas informacións dun alto cargo do entorno presidencial co que supostamente manteñen contacto, din que a familia só anunciará o hipotético pasamento cando estea asegurada a sucesión polo seu primoxénito.

O fillo do dirixente guineano, Teodoro Nguema Obiang Teodorín, é ministro do Medio Rural, mais reside habitualmente en EUA, Francia ou Suráfrica onde conta con numerosas e luxosas propiedades. O goberno de Malabo, segundo recollen este martes axencias españolas, negou categoricamente todas as informacións e cualificounas de "montaxe".

Segundo a versión da oposición, a suposta fonte do entorno presidencial urxiu a coalición Demócratas polo Cambio -que agrupa a partidos contrarios ao goberno- a dar a coñecer a noticia co fin de evitar "unha solución antidemocrática" no país, sinalan axencias de noticias africanas. Neste senso, a familia de Obiang teríalles manifestado aos representantes institucionais o seu desexo de que os medios estatais non se fagan eco da situación para poder velar o corpo na intimidade.

País rico, pobo pobre
O presidente de Guinea Ecuatorial, colonia que o pasado domingo 12 de outubro celebrou o 40º aniversario da súa independencia, ten 66 anos. Chegou ao poder cun golpe de estado en 1979. Os ruxerruxes sobre as súas enfermidades -cancro de próstata, entre outras- son frecuentes dende a última década, mais non sobre a súa morte. Está probado que visita con regularidade hospitais europeos e marroquís.

Guinea é o terceiro maior produtor de petróleo do continente, só superado por Nixeria e Angola. En 2002, a economía medrou un 34%, e a renda media pasou dos 243 aos 4.120 euros en poucos anos. Porén, entre 2005 e 2006 caeu 12 postos no Índice de Desenvolvemento Humano, e o 60% da poboación vive con menos dun dólar diario.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: