Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INFORME DO IGE

A economía do país medra un 2,4%, seis décimas máis que a española

O PIB xerado en Galiza no segundo trimestre do ano reflicte máis contribución do sector exterior, das administracións e un aumento do consumo dos fogares.

Redacción - 13:00 15/09/2008

O Produto Interior Bruto (PIB) no segundo trimestre sitúase no 2,4%, cifra que supera en seis décimas á obtida pola economía española (1,8%) e en oito á estimación da Unión Europea (1,6%), segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Ademais, o incremento intertrimestral foi de 0,2%, tres décimas menos que o primeiro trimestre. Obsérvase unha mellora na achega do sector exterior (de 0 a 0,7 puntos), no gasto en consumo final dos fogares (medra un 1,6%) e no consumo final das administracións públicas e institucións sen ánimo de lucro (taxa de crecemento do 3,6%).

Mentres, a formación bruta de capital reduciu a súa taxa de crecemento nos tres últimos meses dende o 2,5% até o 0,2%. Esta baixada débese ao menor impulso da construción e da inversión en bens de equipo (tanto a produción como as importacións deste tipo de bens, así como a matriculación de vehículos tiveron taxas de crecemento inferiores ao anterior trimestre).

A industria e o sector primario con crecemento negativo
A actividade máis dinámica da economía volveu a ser o sector servizos, tanto os de fóra de mercado (4,6%), como os de mercado (3,2%). A construción medrou so un 2,6%, fronte ao 4,4% rexistrado no mesmo período do ano anterior, un dato que o IGE atribúe á desaceleración da edificación residencial. Doutra banda, houbo unha caída espectacular do sector industrial (caeu un 2,9%) e, xa en menor medida, do sector primario (crecemento do -0,4% nas ramas agraria e pesqueira). Neste eido podemos falar de clara desaceleración, xa que no mesmo período do ano pasado crecera un 2,5%. Fronte a estes datos negativos, a actividade enerxética dá uns resultados positivos: os datos do instituto estatístico da Xunta confirman a recuperación do sector, que incrementou o seu produto interior bruto un 0,5%.

Desaceleración no emprego
O emprego rexistra un crecemento interanual do 0,9%, o que supón a creación de 11.011 postos a tempo completo nun ano. Non obstante, malia que o volume de emprego aumentou lixeiramente, a análise por sectores indica unha importante caída no sector primario (-8%) e no enerxético (-1,9%). Mentres, o emprego na construción mantívose estábel, a industria aumentou un 0,3% e o sector servizos incrementou un 2,6% o seu volume de emprego.


Ligazóns

1.33/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: