Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICA (1)

A esquerda larval en Italia

Manuel Ángel Candelas comeza unha serie de crónicas-comentario coas que achegará a realidade política e social italiana.

Manuel Ángel Candelas Colodrón - 10:30 13/09/2008
Nanni Moretti

Nanni Moretti

“En Italia non existe opinión pública”. Estas son as duras palabras pronunciadas por Nanni Moretti durante este agosto, referidas ao papel da oposición de esquerda na política actual. Tras a derrota da opción moderada de Veltroni, catalogada de centroesquerda, nas eleccións xerais e a desaparición do parlamento da representación postcomunista, a oposición a Berlusconi atópase nun estado crítico. Letargo e autodestrución son os termos empregados polo mesmo Moretti para definir os sinais internos desta apoucada esquerda italiana.

As acusacións do director italiano, demasiado severas para o plácido verán, serviron para alimentar por varios días o debate sobre esta cuestión. Ao día seguinte, o vello xornalista de La Repubblica, Eugenio Scalfari, unha especie de conciencia crítica e moral do país, presentaba unha extensa reflexión sobre o parecer. Nela retomaba a súa clásica diatriba (que adquiriu xa o ar de tópico, polo que se ve inocuo, porque os italianos son impermeables ás súas denuncias) do anómalo conflito de intereses do presidente coas súas propiedades. Tanto Moretti coma Scalfari coidan que resulta insólito que nun país democrático poida gobernar un home que posúe unha fortuna incalculable en empresas vencelladas -como di con humor Moretti- ao que máis lles gusta aos italianos: a televisión e o fútbol. A vitoria última do Cavaliere -que non ten escrúpulos en aprobar de forma case inmediata unha lei que limita e impide o seu procesamento- decepcionou aos sectores progresistas, que seguen sen comprenderen moi ben a razón deste comportamento electoral. O desconcerto nas ringleiras do centroesquerda, manifestado en infinidade de artigos que tentan explicar a derrota sen acadar un motivo máis ou menos convincente, leva consigo unha notable dose de autocrítica, por non seren capaces de atopar o canle político preciso para unha maioría de progreso ou, simplemente, para unha maioría cuxo obxectivo vaia máis alá dunha mera confrontación antiberlusconiana.

As queixas foron recollidas polo propio Veltroni, quen entregou ao prelo outra reflexión, máis inconcreta e tépeda (se cadra, poética), sobre a perda de memoria histórica ou da conciencia moral dun país. Coma un nostálxico da hexemonía cultural dos anos 60 e 70, cando parecía que o PCI controlaba os resortes da opinión e do pensamento, Veltroni suxiriu a idea de que os valores quedaran no camiño, arrostrados por unha especie de preguiceira clase media, máis preocupada por un pragmatismo cotián ca por unha lideira ideolóxica e moral de longo alcance. Laiábase o anterior alcalde romano de que, faltando a memoria, só se vive o presente, un hoxe lixeiro e inútil; e non lle faltou mentar (coa metáfora dun Zelig mudable e coa xa coñecida consideración das clases sociais como espectadores e consumidores) o oportunismo capaz de pregarse a calquera circunstancia. Unha reflexión que, non por ser contrastada desde antigo, actúa como excusatio non petita da falta de conexión entre a sociedade e o Partido Democrático que representa.

En calquera caso, semella confirmarse o estado case larval (palabra chave nestes tempos) da esquerda derrotada nas urnas hai pouco. O liderado pouco discutido de Veltroni nunha primeira xeira (a pesar das primarias e das diferentes ententes cordiales das faccións do novo partido) non convence de momento aos votantes da esquerda.


4.64/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: