Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Anuncio, este martes

EUA reducirá de 146 mil a 138 mil o número de soldados en Iraq deica febreiro

O goberno do país norteamericano redistribuirá as tropas en Afganistán, onde a resistencia reaxiu nos últimos meses.

Redacción - 10:10 09/09/2008
Un soldado estadounidense en Bagdad

Un soldado estadounidense en Bagdad

O presidente de Estados Unidos, George W Bush, anunciará este martes a redistribución de tropas estadounidenses en Iraq deica o vindeiro mes de febreiro. En total, retiraranse uns oito mil soldados que pasarán a formar parte do continxente de forzas ocupantes que o país norteamericano ten en Afganistán.

Segundo un comunicado difundido pola Casa Branca, a situación de violencia en Iraq "mellorou notabelmente" no que vai de ano, polo que "nos meses vindeiros repatriaremos a perto de 3.400 soldados" que desenvolven funcións de apoio ao combate, como enxeñeiros de construción ou Policía militar.

En novembro, agrega, regresará un batallón de infantes de Mariña destacado na provincia de Anbar, que a semana pasada quedou baixo o control das forzas iraquís. E en febreiro de 2009 "regresará outra brigada de combate da Mariña", dixo o presidente estadounidense.

Obama ou McCain decidirán no futuro
Na actualidade, EUA ten despregados 146 mil efectivos e Iraq e 33 mil en Afganistán. Precisamente a este país, onde a resistencia á ocupación reaxiu nos últimos meses, chegará unha brigada que tiña previsto o seu despregamento no país árabe en novembro.

Ben o candidato demócrata á Presidencia nos comicios do día catro dese mes, Barack Obama, ben o republicano, John McCain, deberán decidir no futuro sobre a retirada, ou non, das tropas en Iraq. O primeiro é partidario facelo nun prazo de 16 meses, mentres que McCain está disposto a que permanezan de modo indefinido se os mandos militares así o consideran.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: