A iniciativa naceu para denunciar a situación de Canido, e agora o Concello apoiará a súa realización noutros lugares da cidade.
En xullo, Eduardo Hermida e Gustavo Sequeiro, dous pintores novos do Barrio de Canido, puxeron en marcha unha experiencia de arte na rúa para darlle vida ao barrio e denunciar o seu abandono. O tema escollido para os murais, que comezaron a cubrir as paredes, foron As Meninas de Velázquez. Artistas novos da comarca e doutros lugares do país uníronse á iniciativa, entre eles o coruñés Jorge Cabezas, un dos creadores de gran proxección que xa viu a súa obra exposta en Nova York, Madrid ou Barcelona.
A obra de Cabezas, lonxe dos canons da arte figurativa, non gustou a algún veciño do barrio, que decidiu acabar con ela, pintando de branco a parede. Pero tamén esta nova obra de arte foi efémera, pois pouco despois a mesma parede foi cuberta por unha pintada de protesta contra a presenza dunha antena ilegal de telefonía móbil no barrio. Artistas de todo o país xa amosaron a súa solidariedade con Cabezas, que ten a intención de regresar a Canido para volver facer o mural.
Pero o que naceu como unha iniciativa illada de dous artistas foi crecendo, e o Concello de Ferrol interesouse polo proxecto. O martes a concelleira de Cultura, Yolanda Díaz, reuniuse cos creadores que están a participar na proposta para coñecela de primeira man e amosar o seu compromiso co proxecto. Así mesmo, Díaz anunciou que o Concello apoiará a experiencia e ampliaraa a outros barrios da cidade, nomeadamente a Ferrol Vello. Na iniciativa convidarase a paraticipar a artistas novos de toda a comarca.