Xosé Blanco, acompañado dun asesor do PSOE en Madrid, reuniuse este martes con Touriño e con outros dirixentes galegos para demandar o adianto.
Haberá eleccións este ano? A política galega leva dúas semanas cun único tema na axenda. Lonxe de aclarar un problema que está a distorsionar a vida pública do país, o presidente da Xunta non revela se finalmente, tal e como moitas voces apuntan, os comicios van ser este outono. Mais o mutismo de Touriño contrasta coas continuas filtracións de dirixentes do PSdeG aos medios de comunicación. O último episodio desta inacabábel serpe de verán tivo lugar este martes. O presidente saíu do seu retiro vacacional en San Vicente do Mar (O Grove) e convocou a un grupo de notábeis socialistas en Monte Pío. Na reunión estiveron presentes o vicesecretario xeral do PSOE, Xosé Blanco; o número dous do PSdeG, Ricardo Varela; e a secretaria de Organización, Mar Barcón. Canda eles estiveron dous dos homes de máxima confianza de Touriño, o secretario xeral de Comunicación, o xornalista Fernado Salgado e o responsábel do departamente de Análise e Proxección, Xosé Manuel Rivera Otero. Pola súa banda, Blanco tamén sentou na mesa a un dos homes da súa máxima confianza: Ignacio Varela, un sociólogo que traballa en Ferraz.
Con estes produtos cociñou Touriño a última xuntanza antes de anunciar o adianto electoral. Segundo as informacións que trascenderon, as voces a prol do adianto son maioritarias. O PSOE, a través de Ignacio Varela, debuxou un escenario moi difícil de cara a vindeira primavera e aconsellou un adianto para evitar a incidencia dunha crise económica que se agravaría en 2009. Unha vez analizados os pros e os contras, Touriño deu por finalizada unha reunión na que non quedou pechada a decisión final.
Pero a do martes non foi a única reunión do primeiros espadas socialistas. De feito, Touriño está moi molesto con algunhas filtracións que se produciron ao longo do mes. O presidente galego considera que as información achegadas á prensa por xente do seu propio partido buscaban crear un clima preelectoral e, á mesma vez, forzar o adianto.
Xosé Blanco non deixa de presionar para que Touriño adiante as eleccións. Aínda que o presidente sabe dende hai tempo que Ferraz quere comicios xa, foi o vicesecretario xeral do PSOE o que abriu abertamente a batalla no último congreso do PSdeG. O de Palas de Rei traía debaixo do brazo enquisas que aseguraban que unhas eleccións en marzo poderían darlle un gran disgusto aos socialistas. Poucas horas despois de que principiara a cita congresual, os ruxeruxes do adianto xa corrían como a pólvora entre a militancia.
Pero máis aló dos intereses electorais, hai dirixentes comarcais do PSdeG que recoñecen que o adianto dos comicios tamén se ve internamente como un pulso entre Touriño e Blanco. A pregunta para moitos é obvia: pode o presidente galego decidir sen notar o alento de Ferraz na caluga? As continuas reunións e os seus protagonistas parecen indicar o contrario.